FINSA e Nova Pescanova lanzan retos de innovación emprendedora ao abeiro de Galicia Open Future
mércores, 14 de febreiro do 2018
As
compañías galegas FINSA e Grupo Nova Pescanova veñen de pechar
fileiras a prol do emprendemento innovador e de lanzar cadanseu
desafío ao abeiro de Galicia
Open Future, o centro de crowdworking de Telefónica con
sede na Cidade da Cultura, arestora inserido na súa cuarta edición.
FINSA, no seu reto, expón o desenvolvemento dun sistema que axude a
xestionar de forma máis intelixente o seu mobiliario, obtendo
información de interese a través dos datos dos sensores colocados
nos seus produtos. O Grupo Nova Pescanova, pola súa banda, busca un
modelo de predición que axude a optimizar a rendibilidade da súa
produción de lagostino de acuicultura. Os gañadores desenvolverán
o proxecto piloto acompañados pola empresa tractora e poderán
acceder ao programa de aceleración de Galicia Open Future, ademais
de recibir axudas económicas da Xunta de Galicia.
As
dúas devanditas propostas son as primeiras das achegadas por FINSA e
o Grupo Nova Pescanova para Galicia Open Future: Edición Retos 4.0,
o novo modelo do programa de aceleración de Telefónica, que, como
dixemos recentemente en Código Cero, busca dirixir o talento
emprendedor cara á resolución de problemas concretos da industria
galega.
Nun
plano máis detallado, a proposta de FINSA tenta responder á
seguinte pregunta: Como poden as novas tecnoloxías dotar ao sector
da madeira de capacidades dixitais para ofrecer aos seus clientes un
mobiliario máis intelixente? O obxectivo da empresa con sede en
Santiago é fornecer aos seus clientes finais dunha plataforma de
software que permita acceder aos elementos de sensórica instalados
nos seus produtos (taboleiros de madeira, chans laminados ou
compoñentes para móbeis) e executar accións para “crear hábitats
intelixentes”. FINSA expón este reto para desenvolver tamén unha
plataforma que almacene datos de uso dos produtos para poder obter
así un histórico que permita facelos evolucionar, e a súa idea é
que sexa unha plataforma aberta a todos os fabricantes para crear no
futuro un ecosistema do que tiren proveito múltiples axentes do
sector. Por último, busca que o sistema cumpra con criterios de
seguridade óptimos, “para lograr a confianza do cliente final
neste tipo de produtos”, sinala a compañía.
Pola
súa banda, o Grupo Nova Pescanova lanza o seguinte reto: Como
podemos modelar os datos recolleitos nos sucesivos ciclos de cría do
lagostino para predicir e corrixir, no seu caso, comportamentos e
optimizar a toma de decisións presentes e futuras? Para o Grupo Nova
Pescanova, que dispón de máis de 1.000 piscinas para cría de
lagostino situadas en distintas partes do mundo, a eficiencia óptima
deste cultivo extensivo é un reto a conseguir, debido á influencia
de múltiples factores como o clima, as condicións e a densidade da
sementeira ou a dosificación do alimento, entre outros, polo que
busca dispor, nas súas palabras, “dun modelo de análise de
predición que faga realidade anticipar comportamentos e dispor de
curvas esperadas de supervivencia, medre e rendibilidade”. O
obxectivo final deste reto é “incorporar ao cultivo de lagostino
un método de autoaprendizaxe en función de decisións e resultados,
de forma que nunha fase posterior a produción esta o máis preto
posíbel da súa rendibilidade óptima”.
Galicia
Open Future inaugura desta maneira a súa primeira fase de lanzamento
de retos coa participación de dúas empresas galegas de referencia,
e líderes nos seus respectivos sectores. Ás propostas poderán
presentarse startups, PEME, centros tecnolóxicos,
universidades e emprendedores. Seleccionarase a un gañador por cada
desafío, que poderá desenvolver un piloto da súa solución coa
empresa tractora, e tres finalistas. O gañador terá unha axuda da
Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de
Economía, Emprego e Industria, de 20.000 euros para a posta en
marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como o tres
finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do
ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán ademais un
patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao
seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración,
seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda
adicional de 10.000 euros achegada pola axencia AMTEGA.