Facebook Messenger podería aceptar múltiples contas e funcionar como cliente de SMS

venres, 12 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Algúns usuarios norteamericanos estarían a poder acceder a unha versión actualizada de Facebook Messenger, a aplicación de mensaxería instantánea da empresa de Mark Zuckerberg, que non só contaría cun redeseño da súa interface adoptando Material Design, senón que tamén incluiría cambios moi importantes como a recuperación da integración coas mensaxes de texto do móbil (eliminada en 2013) e o soporte de múltiples contas de usuario.
Temos así que a nova actualización presentaría unha barra de opcións con fondo azul e iconas en branco, facendo tamén azul a barra de estado do smartphone, polo que estamos ante un cambio que podemos apreciar a primeira vista; pero claramente son máis profundos os cambios como poder empregar Facebook Messenger como cliente para o envío e recepción de SMS (prestación que pode sorprender moito en España, onde as mensaxes de texto son algo residual para os usuarios de smartphones) á vez que sorprende permitindo rexistrar varias contas de usuario na aplicación, o que resulta bastante rechamante, xa que non parece ser unha demanda esixida polos usuarios e que non resulta habitual nas aplicacións deste tipo.
Polo momento non sabemos cando estas novidades chegarán a todos os usuarios, aínda que parece evidente que a actualización da aplicación para adaptarse ás recomendación de deseño para Android é lago que veremos en breve.

PUBLICIDADE