Facebook Messenger xa permite o envío de cartos entre particulares nos EE.UU.

mércores, 1 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Facebook leva un tempo anunciando que quere converter o seu Messenger nunha plataforma que facilite o xeito de recibir e enviar pagamentos entre amigos, moi na liña do que era PayPal nos seus inicios, e finalmente o responsable da división de mensaxería da compañía e anterior presidente de PayPal, David Marcus, anuncia que calquera particular nos EE.UU. pode xa enviar a recibir pagamentos a través do Messenger en poucos pasos, para o que só ten que asociar a súa tarxeta de débito á aplicación.
Nos últimos días o Messenger de Facebook en EE.UU. tamén estreou a posibilidade de poder empregarse sen ter conta de Facebook, ou sexa, só co número de teléfono, moi na liña de WhatsApp, o que fai que a posibilidade de realizar pagamentos chegue a un público aínda máis amplo.
Para poder enviar un pagamento a través do Messenger chega con premer o botón co signo do dólar que aparece na aplicación de correo instantáneo, teclear a cantidade económica e logo premer na opción de pagar para cargar tal cantidade na nosa tarxeta bancaria.
Aínda se descoñece cando este servizo chegará a Europa, pero só é un dos moitos pasos que Facebook ten planeados para facilitar a conversión de Facebook nunha plataforma que facilite a realización de negocios a través da Rede.


Vídeo no que amosan a simplicidade do sistema de pagamentos do Messenger de Facebook

PUBLICIDADE