Facebook e Instagram prepáranse para introducir anuncios nos vídeos

martes, 10 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos meses o crecemento do consumo de vídeo en Facebook e Instagram levou á compañía de Mark Zuckerberg a converterse no principal competidor de YouTube, para desgraza dos creadores de contido, que ven como nas plataformas emerxentes non hai xeito de sacar cartos, o que finalmente vai mudar, e agora coméntase que Facebook está a probar un formato de publicidade no medio dos vídeos, de xeito que os editores dos vídeos poderán inserir anuncios que se verán cando as persoas teñan reproducido un mínimo de 20 segundos.
A publicidade nos vídeos de Facebook xeraría uns ingresos importantes, dos que o 55% iría a parar aos editores, que finalmente atoparían un incentivo para publicar vídeo en Facebook máis aló de empregar esta plataforma para achegarse a un público máis amplo.
Pero a cousa non quedaría aí, senón que tamén estarían a realizarse probas de anuncios emerxentes no medio das Historias de Instagram, de xeito que un reducido grupo de editores e creadores de contido están a probar un sistema de entrega de publicidade co que poderían tirar proveito económico das súas retransmisións en directo, ou sexa, que a plataforma publicitaria de vídeo de Facebook chegaría tamén a Instagram, o que podería ser aínda máis rendible para os creadores de contido, xa que o vídeo en Instagram está a ter un pulo impresionante.
Polo momento non hai información oficial sobre estes novos formatos publicitarios, pero aínda que ao público poida parecerlle molesto, resulta imprescindible para que compañías de medios e figuras como os máis populares youtubers empreguen estas plataformas con regularidade, xa que empregan a Rede como unha canle comercial da que precisan conseguir ingresos económicos.

PUBLICIDADE