Facebook está a traballar con drones e láseres para levar a Internet a todo o mundo

xoves, 27 de marzo do 2014 Marcus Fernández

A iniciativa encabezada por Facebook para levar o acceso á Internet aos países en vías de desenvolvemento, Internet.org, ten que facer fronte principalmente ao problema da falta de infraestruturas de telecomunicacións, e para superar tal eiva Mark Zuckerberg vén de dar conta que no Laboratorio de Conectividade de Facebook están a construír drones, satélites e láseres para levar a Internet a calquera persoa do mundo a uns prezos asumibles que fagan posible que un acceso básico á Rede estea dispoñible globalmente.
Zuckerberg asegura que durante o último ano fixeron grandes avances, como os proxectos en Filipinas e Paraguai, onde dobraron o número de persoas con acceso a redes móbiles coa colaboración de operadores locais, axudando a que tres millóns de habitantes a comezar a utilizar a Internet.
Para conseguir todo este tipo de melloras é preciso desenvolver novas tecnoloxías, polo que están a colaborar tanto con expertos en tecnoloxía de telecomunicacións como espacial, dando pé a prototipos como Zephyr, o aeronave non tripulada e alimentada por enerxía solar con maior capacidade de voo, que ten un grande potencial para achegar conectividade dende o aire.


Vídeo sobre a intención do proxecto de Internet.org para achegar a Internet a todo o mundo


Dende Internet.org están a desenvolver novas tecnoloxías de comunicación para permitir que o acceso á Rede poida achegarse sen fíos a prezos asumibles

PUBLICIDADE