Facebook permitirá emitir audio en directo

martes, 20 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos meses Facebook prosperou nas retransmisións en directo incorporando vídeo en directo dende o móbil e incluso a posibilidade de retransmitir en vivo vídeo en 360 graos, deixando claro que considera que o soporte audiovisual ten moita forza na actualidade e conta cunha grande proxección de futuro, de aí que pode sorprender o seu último anuncio: está a preparar un novo servizo, o Live Audio, que permitiría realizar retransmisións sonoras en directo (ás que poderían incorporarse imaxes estáticas) o que podería resultar de grande utilidade para cando o emisor considerase que o audio é soporte dabondo ou cando a retransmisión se realice dende unha zona na que a calidade do acceso á Rede non sexa o suficientemente boa como para permitir emitir vídeo en directo.
Temos así un novo xeito de conectar coa audiencia, que parece estar moi ben pensado, xa que contará coas funcionalidades sociais e de interacción do vídeo en directo, pero unha grande vantaxe adicional: os usuarios da aplicación de Facebook para Android poderán escoitar unha retransmisión sonora cando deixan a aplicación ou teñen a pantalla apagada (ou sexa, que facilita a escoitar de retransmisións cando se estea a facer outra cousa) mentres que no caso de iOS os usuarios continuarán a escoitar as retransmisións mentres non abandonen a aplicación de Facebook.
Polo momento o servizo está en probas con partners como BBC World, e durante o ano que vén pretenden ampliar a dispoñibilidade de Live Audio a editores e usuarios.

PUBLICIDADE