Facebook prepárase para competir con Wallapop

luns, 3 de outubro do 2016 Marcus Fernández

A grande masa de usuarios de Facebook fai que esta plataforma teña moita forza á hora de ampliar o seu negocio a ámbitos que vaian máis aló das redes sociais puras, e agora ousan a introducirse nun mercado ao que pertencían alleos: o da compra-venda.
Dende Facebook eran conscientes de que a compra-venda era frecuente dentro de certos Grupos, e por iso decidiron lanzalo como unha funcionalidade nativa, dando a coñecer o seu novo Marketplace, unha plataforma moi cómoda para descubrir, mercar e vender elementos entre persoas na proximidade, e que nos vindeiros días comezará a espallarse entre usuarios de EE.UU., Reino Unido, Australia e Nova Zelandia que accedan a Facebook dende iPhone e Android, para chegar logo a outros países e tamén para a versión de escritorio de Facebook.
O Marketplace abre con fotografías de elementos postos á venda nas nosas proximidades, de xeito que podemos exploralos por categorías ou mediante buscas, sendo posible definir o rango de busca e incluso saltar entre distintas cidades. Cando atopemos algo que nos interese poderemos picar sobre a súa imaxe para ver os detalles do produto e do vendedor, podendo tanto gardar o produto para consultalo máis adiante, mandar unha mensaxe directa ao vendedor ou realizar directamente unha oferta polo produto, manténdose polo momento Facebook totalmente fóra do procedemento de pagamento e entrega dos produtos.
A posta á venda de produtos é moi sinxela, xa que os usuarios simplemente terán que achegar unha fotografía (tomando unha fotografía ou collendo a imaxe entre as que ten no móbil), introducir un nome de produto, unha descrición e un prezo, confirmar a localización e seleccionar a categoría, co que faise público o anuncio do produto á venda, convertendo Facebook nun mercado móbil que parece chamado a competir con Wallapop, pero coa vantaxe de que a meirande parte dos perfís de usuario corresponden á cara pública de persoas ben identificadas, polo que contaría cun plus de confianza á hora de realizar operacións de compra-venda.

PUBLICIDADE