Facebook tomará medidas contra os vídeos publicados sen permiso

venres, 28 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Durante os últimos meses o vídeo en Facebook creceu a un ritmo impresionante, chegando a converterse no principal competidor de YouTube, pero iso tamén provocou que recibisen numerosas reclamacións por parte dos propietarios dos contidos, que viron como numerosos usuarios subía material a Facebook sen consentimento, polo que parece inevitable que teñan que adoptar medidas de protección dos dereitos de propiedade intelectual semellantes ás de YouTube, para que os creadores poidan contar coas ferramentas que lles permitan unha correcta acreditación das súas obras e controlar a súa distribución.
Así, dende Facebook anuncian que van comezar a procesar os vídeos subidos ao seu sistema con Audible Magic, tecnoloxía que emprega a pegada sonora nos vídeos para identificalos e así evitar que vídeos non autorizados poidan cargarse a Facebook sen permiso. Dende YouTube tamén procurarán borrar os vídeos dos que se informen vulneracións da propiedade intelectual, á vez que tamén inciden no feito de que os usuarios que suben ese tipo de contidos son os responsables últimos dese tipo de actuación, que poderían ter serias consecuencias en caso de reincidencia.
A tecnoloxía de identificación de contidos protexidos poderá xestionarse a través dunha ferramenta que Facebook xa está a probar entre un reducido número de partners de contidos, para que no futuro creadores de vídeo, canles de televisión e compañías do sector audiovisual en xeral poidan controlar o uso dos seus contidos en Facebook.

PUBLICIDADE