Factorías de táboas de skate e de videoxogos, entre os proxectos do curso de emprendemento da Tecnópole

martes, 29 de xullo do 2014 Redacción

Seguimos a falar do que acontece dende os espazos formativos para innovadores da Tecnópole de Galicia, unha fonte inesgotábel de ferramentas, servizos e enxeños nunca vistos e, o que é aínda máis importante, con potencial de seren -ante todo- útiles. Se hai uns días informabamos en detalle dunha tecnoloxía para detectar chuvia aceda desenvolvida por tres rapaces participantes nas Aulas Tecnópole, agora é a quenda de máis iniciativas para marcar un antes e un despois. Trátase dos proxectos xurdidos ao abeiro do curso de creación e xestión de microempresas que se está a celebrar no Parque Tecnolóxico de Galicia. Por exemplo: unha factoría de táboas de skate tradicionais e unha empresa de videoxogos. Tamén se abre camiño un innovador servizo de exportación de produtos galegos a Xapón.
O curso en cuestión, informa a Tecnópole, está arestora en desenvolvemento acubillando emprendedoras e emprendedores e dando forma ás súas arelas de innovación. Os participantes comezaron o programa de formación gratuíta organizado por Tecnópole a principios de xuño e a finais de novembro presentarán o seu proxecto de negocio rematado. A mellor proposta recibirá como premio tres meses de estancia de balde na incubadora do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Como dixemos, xa hai proxectos visíbeis. Un dos máis avanzados, sinalan fontes do parque, apunta á creación de táboas de skate, elaboradas artesanalmente en madeiras nobres, personalizadas e con deseños exclusivos e estilo vintage. O proxecto xorde da colaboración entre un deseñador gráfico con moitos años de experiencia no mundo da patinaxe, Roberto Fernández, e Luz Rodríguez, socia da empresa de carpintería de madeira Luca Galegox. Neste intre, informa a Tecnópole, os emprendedores contan xa con prototipos listos para ser testados. Unha vez que o produto estea en fase de produción, os seus promotores proxectan vendelo inicialmente en tendas galegas especializadas neste tipo de artigos e tamén por iInternet, coa intención de chegar ao mercado internacional. Entre outras das iniciativas de negocio que se están a xerar na Tecnópole figuran como dixemos un servizo de exportación de produtos galegos a Xapón, unha empresa de creación de videoxogos, unha tenda en liña de artesanía e unha plataforma de crowdfunding para a organización de eventos solidarios.
A formación, de máis de 500 horas, está a capacitar aos participantes para dirixir pequenos negocios ou microempresas. Entre as habilidades que están a adquirir figuran a planificación e posta en marcha de estratexias de áreas de negocio, aprendendo a programar as actividades, xestionar persoas, organizar e controlar recursos materiais e realizar operacións económico-financeiras. Ademais os alumnos son adestrados no desenvolvemento da comercialización e venda dos produtos e servizos e na xestión baixo criterios de calidade e protección ambiental, todo isto asegurando a prevención de riscos laborais e utilizando servizos de xestión ou asesoría cando a complexidade da actividade o requira, co fin de garantir o logro dos seus obxectivos empresariais e o cumprimento da normativa vixente.
O curso enmárcase no programa de accións formativas dirixidas sobre todo a persoas desempregadas xestionado pola Concellería de Traballo e Benestar e cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

PUBLICIDADE