Falece o fundador de Namco

luns, 30 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que na industria dos videoxogos téndese a destacar o rol dos seus grandes creadores, no seu desenvolvemento tamén houbo empresarios moi relevantes, como Masaya Nakamura, quen fundou Namco como unha compañía de atraccións electromecánicas en 1955 e que remataría converténdose nunha das meirandes compañías de videoxogos do Xapón, que en 2005 fusionouse con Bandai, de xeito que agora Bandai Namco continúa a ser unha importante multinacional do sector, que vén de dar conta do pasamento do seu fundador (que tería falecido o pasado día 22 aos 91 anos de idade).
Aínda que Nakamura non participou no deseño e na programación dos grandes éxitos de Namco, a nivel internacional describíuselle en moitas ocasións como o pai de Pac-Man; aínda que cómpre destacar que nos anos 80 a compañía nipoa tivo moitos grandes éxitos que deixaron pegada a nivel global, como Galaxian, Galaga ou Xevious, e bastantes anos despois conseguiría tamén éxitos notables con xogos como Ridge Racer, Time Crisis, SoulCalibur ou Tekken, sendo todo un exemplo das dificultades que supón adaptarse aos cambios nas tendencias do sector, así como ás cada vez máis esixentes xeracións de consolas de videoxogos, que converten ao desenvolvemento en todo un reto a nivel financeiro.

Nakamura fundou a empresa que creou o Comecocos

PUBLICIDADE