Farmacias: nova aplicación galega que nos amosa os dispensarios máis próximos en tempo real

venres, 8 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

Temos nova aplicación galega para tablets e smartphones. E desta volta, co valor engadido de achegar información tan necesaria e de emprego tan común como a que ten relación cos nosos dispensarios de medicinas. A nova app chámase precisamente Farmacias e vén da man do equipo de desenvolvedores da firma Evelb, especializada na achega de ferramentas e servizos informáticas para empresas e particulares e cuxa sede está no Polígono Novo Milladoiro de Ames (A Coruña). A app devandita, froito dun longo traballo de investigación, está xa dispoñíbel na App Store (dende hoxe) e a partir do luns en Google Play para dispositivos Android. Segundo apunta Evelb, estamos ante un claro exemplo de “app necesaria”, posto que se insire entre aquelas aplicacións que achegan solucións inmediatas ao usuario dun teléfono intelixente.
Salienta entre outras moitas cousas por unha interface moi sinxela e por un sistema de procura “realmente intuitivo”, sinala a empresa de Ames, que explica que para o usuario, todo comeza coa fixación automática do seu emprazamento exacto a través de tecnoloxía GPS, para “acto seguido, amosar as farmacias máis próximas en tempo real, con distintas iconas en cor verde para todas as abertas en horario diúrno, e iconas de cor vermella o servizo nocturno e 24h”. Así, ao seleccionarmos a farmacia elixida, accedemos á información que nos vai ser de utilidade, como por exemplo o enderezo ou o teléfono con posibilidade de establecer chamada. Tamén se nos fornece da posibilidade de utilizar o navegador do smartphone para que nos leve directamente ao dispensario seleccionado. “O que buscamos con esta app”, engade o equipo de Evelb, “é que calquera usuario que a teña no seu móbil poida saber en calquera momento ou lugar cal é a farmacia máis próxima á súa localización, e o máis importante, ter a posibilidade de saber se está aberta ou non a partir das 10:00 da noite ou ben en día festivo”.
A un nivel técnico, a solución emprega xeoposicionamento permitindo determinar o radio de procura e crear unha ruta desde a nosa localización, con vista previa e estimación de tempo de traxecto. Inclúe os datos todas as farmacias de España e gardas dispoñíbeis para todo o territorio galego e Madrid capital. Evelb publicará decote actualizacións engadindo máis poboacións. Por agora as linguas nas que se achega este servizo son o castelán e o inglés, pero agardamos que en vindeiras actualizacións tamén se nos brinde a posibilidade de tirarlle partido en galego.

PUBLICIDADE