FelicitAPP: felicitando o Nadal ao tempo que apoiamos unha causa solidaria e humanitaria

venres, 21 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

De felicitar a alguén estes días pola Rede, se cadra nada mellor que facéndoo contribuíndo a unha boa causa. O mesmo acontece, ao noso parecer, con facer agasallos. Xa que a gran maioría, realmente, non valen para nada máis que para ocupar sitio nos fogares de cada quen, a solución a este problema podería vir dada co xesto solidario. FelicitApp representa un bo xeito de comezar. Trátase dunha evolución, ao universo dos móbiles e das redes sociais, das tarxetas tradicionais de UNICEF, que comezaron a súa andaina en 1947 cun debuxo de agradecemento que unha cativa da antiga Checoslovaquia fixera para recoñecer a axuda da dita organización durante a Segunda Guerra Mundial. Agora, tratando de respectar este espírito pero adaptando feituras e formatos ás novas canles e trebellos (smartphones, tablets Android), temos entre mans o novo paso adiante destas tarxetas.
A través delas, coa axuda aplicación FelicitApp (desenvolvida en colaboración con Samsung), podemos felicitar o Nadal deseñando unha achega personalizada que poderemos compartir en formato de vídeo animado. A aplicación, por certo, pode descargarse de balde dende Samsung Apps e Google Play.
Segundo informa Samsung, con esta colaboración inaugúrase “unha nova forma de conseguir que a tecnoloxía chegue a todo o mundo, e que ademais axude aos máis vulnerables”. Grazas á aplicación FelicitApp, os usuarios de smartphones e tablets poderán dar un punto aínda máis creativo ao seu Nadal, deseñar as súas propias felicitacións e compartilas a través de redes sociais, mensaxería instantánea ou correo electrónico, ou mesmo facer un donativo se así o desexan. FelicitApp preséntase para España no marco dunha exposición retrospectiva que conmemora os máis de 60 anos de historia dos cartóns do Nadal de UNICEF, e que estará aberta ao público no Centro Comercial Moda Shopping de Madrid. Os cartóns de UNICEF contan, como dixemos, cunha longa historia. O seu inicio remóntase á historia de Jitka Samkova, unha nena checoslovaca de sete anos que en 1947 debuxou a que se considera como o primeiro cartón de UNICEF, onde agradecía os alimentos, medicamentos, que recibiu a súa comunidade durante a II Guerra Mundial. A nena utilizou unha folla de vidro para pintar o seu debuxo e escribir a súa mensaxe, pois non había papel dispoñíbel.
Engadir por último que FelicitApp permite aos usuarios que así o desexen dar un donativo directo a UNICEF España. O formato que o permite é un SMS Premium, que garante a doazón íntegra do seu custo.

PUBLICIDADE