Ferrol amosa o miolo dos blogs de viaxes aos seus profesionais do turismo

venres, 27 de novembro do 2015 Redacción

Activar o turismo dunha zona pode ser tarefa complicada, mais á hora de facelo hai que empregar todas as ferramentas posíbeis, sen esquecer a vantaxe que achegan as novas tecnoloxías de cara a amosar o encanto dun lugar mediante a xanela na que se pode converter un blog. O Concello de Ferrol, en colaboración coa Deputación da Coruña, vén de reparar nesta posibilidade e en como poden beneficiar os blogs aos profesionais e emprendedores do eido turístico do espazo Rías Altas-Ferrolterra. Para botarlles unha man neste senso, onte e hoxe desenvolvéronse máis sesións do programa Ferrol Turismo Marketing.
E indo á xornada de onte, dicir que os asistentes puideron coñecer todos os aspectos a ter en conta na creación dun blog de viaxes, co que se pretende que os coñecementos que poidan adquirir redunden nunha mellora da difusión exterior da comarca. Na actividade formativa tratáronse temas como: a valoración das razóns polas cales se crea un caderno en liña (afianzar e espallar marca ou compartir experiencias), os tipos de contidos que poden interesar ao lector, o nome do blog, o emprego dunha comunicación próxima e clara, a estratexia de contidos sobre as redes sociais de difusión, a frecuencia das publicacións e os temas que se van abranguer.
O obradoiro do xoves foi impartido por Sabela Montero Muñoz, en horario de mañá e tarde, no Hotel Almirante. Sabela Montero forma parte da Asociación galega de blogueiros e é responsábel do blog Viaxando, imaxes e sensacións.
Cómpre informar que o foro Ferrol Turismo Marketing conclúe hoxe, co obradoiro Iniciación á estratexia en redes sociais, de 17:00 a 21:00 horas. Terá, como os realizados até o de agora, carácter gratuíto. Os interesados poden anotarse enviando un correo electrónico ao enderezo: turismo@ferrol.es.
En canto á actividade formativa de hoxe, subliñar que será impartida por Natalia Zapatero, con 20 anos de experiencia no sector turístico, 13 deles promocionando destinos e empresas turísticas en Estados Unidos. No 2006 iniciou o seu propio proxecto fusionando a súa paixón por viaxar co marketing e o deseño, dando vida ao Grupo Turiskopio, unha empresa de consultoría especializada na industria do turismo.
Os obxectivos do obradoiro deste venres 27 de novembro, que combinarán teoría con obradoiros prácticos, terán como fundamento: o coñecemento dos beneficios da comunicación en liña corporativa para transmitir unha imaxe empresarial positiva, a identificación das diferentes estratexias posíbeis na procura de oportunidades de negocio en mercadotecnia ligada ás redes sociais, o uso das ferramentas comunicativas básicas, das principais redes sociais e aplicacións, e a presentación de casos de estudo de boas prácticas en Social Media Marketing.

PUBLICIDADE