Firefox bloqueará certos contidos en Flash a partires de agosto

xoves, 21 de xullo do 2016 Marcus Fernández

A redución do uso de Flash mellora a estabilidade de Firefox

Dende a Fundación Mozilla admiten que a tecnoloxía Flash fixo moito pola web, especialmente de cara á popularización do vídeo e dos contidos interactivos, pero os engadidos dos navegadores son todo un problema de seguridade, estabilidade e rendemento, polo que a industria leva anos traballando en substituír esta tecnoloxía por solucións optimizadas como o HTML e diferentes API web, polo que agora dan conta que a partires do mes de agosto Firefox bloqueará certos contidos en Flash que consideren que non son esenciais para a experiencia do usuario, continuando a soportar certo contido Flash herdado (ou sexa, páxinas web que teñen o Flash como un elemento fundamental).
Bloqueando certos contidos en Flash normalmente invisibles para o usuario (como poden ser algúns botóns ou banners) conseguen reducir os fallos do engadido de Flash e os seus colgues, facendo que os navegadores web funcionen dun xeito máis estable, confiando en que pouco a pouco o Flash vaia erradicándose e, a partires de 2017, para pode activar un contido en Flash será preciso facer clic sobre o mesmo, ou sexa, que o usuario debe adoptar un rol activo se quere continuar a usar esta tecnoloxía obsoleta, de xeito que as páxinas web que funcionen con tecnoloxías como Flash ou Silverlight deberían adoptar tecnoloxía HTML con urxencia se non queren quedar fóra de xogo. De feito, o soporte de Flash, Silverlight e Java en Firefox manterase aínda durante meses de xeito extraordinario para facilitar a transición de moitas webs que aínda non adoptaron tecnoloxías actuais.

PUBLICIDADE