Fitbit coida o deseño da súa nova pulseira de actividade

mércores, 3 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Os monitores de actividade física son produtos emerxentes que cada están máis presentes nas nosas vidas, tanto de xeito independente como integrados en smartwatches, e aínda que a súa principal función sexa a de medir se permanecemos activos durante o día, o rexistro de información non é máis que unha desculpa para manter ao usuario motivado para facer exercicio e abandonar hábitos sedentarios, e para facer estes produtos máis doados de adoptar presentan a pulseira Fitbit Alta, que como grande signo de distinción ten o seu deseño coidado e elegante, que busca adaptarse a numerosos gustos estéticos, de xeito que conta con bandas intercambiables, á vez que serve para medir pasos, distancia, calorías queimadas e minutos en activo. O produto tamén é resistente á auga e, como grande vantaxe fronte aos smartwatches actuais goza dunha autonomía de até 5 días.
Fitbit Alta presume así de ser un accesorio que pode adaptarse a calquera situación (con correas intercambiables de metal, coiro ou elastómero, que poden adquirirse por separado), que achega notificacións do móbil (para poder alertar de chamadas, mensaxes de texto ou eventos da axenda aínda que teñamos o teléfono nun bolso ou chaqueta), monitoriza o sono e pode empregarse a xeito de espertador (funcionalidade especialmente apreciada por quen durme en parella, para non espertar ao acompañante cunha molesta alerta sonora, xa que a pulseira pode espertar mediante vibración), detecta cando facemos exercicio (para facer o debido seguimento) e incluso amosa pequenos recordatorios durante o día para instarnos a cumprir cos obxectivos de actividade que nos vaiamos fixando.
A Fitbit Alta podemos reservala xa por 139,95 euros, aínda que non a recibiremos até o mes de abril, estando dispoñible en catro cores distintas e tres tamaños. Esta pulseira, como vén a ser habitual nesta liña de produto, integra unha pantalla táctil OLED, conectividade Bluetooth 4.0, sincronización co ordenador a través de Bluetooth, acelerómetro de tres eixes e motor de vibración. Para poder tirar proveito deste accesorio contaremos con aplicación para iOS, Android e Windows que facilitará a consula dos resumes do exercicio físico, analizará as nosas tendencias, monitorizará a nosa alimentación e outras funcións.

Vídeo promocional da Fitbit Alta

PUBLICIDADE