Foz presenta aplicación turística para dispositivos móbiles

venres, 13 de xaneiro do 2017 Redacción

Presentación da ferramenta para dispositivos móbiles Looking Foz/ Imaxe de Cronica3.com

O Concello de Foz deu a coñecer hoxe unha ferramenta para móbiles chamada Looking Foz e dirixida a impulsar o turismo e a hostalería local. A aplicación, entre outras moitas cousas, posibilita achar roteiros xeolocalizados, datos de actividades, informacións de utilidade sobre o que visitar e onde comer e durmir e celebracións ou avisos do Concello en tempo real. A ferramenta móbil forma parte dunha iniciativa de promoción máis ampla, desenvolvida baixo e epígrafe O teu destino A Mariña. Foz o teu punto de encontro. Nesta campaña tamén se insiren unha serie de pezas audiovisuais para dar a coñecer os atractivos do concello mariñán no mundo. A app estará dispoñíbel para móbiles con Android e iOS.
Foi desenvolvida pola empresa Ailalelo Deseño e Desenvolvemento, que tamén participou na estrea da ferramenta, debullando os seus puntos fortes. Por exemplo o seu carácter marcadamente informativo, con novas e relación actualidade e dinámica de eventos, tanto os relativos ao lecer como ás festas patronais e os eventos deportivos. Os emprazamentos destas actividades, igual cós itinerarios turísticos, acompañaranse con funcionalidades de xeolocalización e outros recursos para que sexan atopados da maneira máis doada posíbel polos usuarios. Na presentación da aplicación fíxose fincapé nun dos seus principais obxectivos: lograr a máxima divulgación e conseguir que os atractivos turísticos de Foz estean perfectamente visíbeis para os visitantes potenciais de todo o mundo.

PUBLICIDADE