Francisco Botas amosa en Santander a folla de ruta dixital de Abanca

venres, 1 de xullo do 2016 Redacción

O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, estivo este xoves 30 en Santander para participar no seminario Desafíos da economía española, curso organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo co obxectivo de avaliar as expectativas actuais do país a través de “reflexións de destacados persoeiros da vida económica”. Baixo o título de A banca na era dixital: innovación e evolución, o relatorio presentado por Francisco Botas estivo centrado no proceso de transformación que a tecnoloxía, en combinación con outros factores, está a impulsar no sector financeiro. Na súa opinión, no novo escenario os bancos pasarán de ser fornecedores de transaccións e provedores de servizos financeiros a desempeñar un papel máis relevante e proactivo na vida diaria dos seus clientes “cun enfoque clientecéntrico” a través da “fórmula omnicanle”.
O conselleiro delegado lembrou que entre os fitos que van marcar os vieiros do tecido bancario a curto e medio prazo atópanse os seguintes: “A evolución tecnolóxica e de experiencia dos consumidores, a presenza de novos actores (grandes tecnolóxicas e startups fintech), a prevalencia de tipos en mínimos e a intensidade regulamentaria”.
Ao seu xuízo, a transformación das entidades financeiras tradicionais en bancas dixitais “non é só unha cuestión de eficiencia e transacción, senón que require transformar o modelo de negocio e relación co cliente, así como novos recursos e capacidades en tecnoloxía, procesos e persoas”. Neste senso e con estes obxectivos, sinalou, débense afrontar retos como o aproveitamento intelixente da información masiva, o que se coñece como Big Data, “elemento clave para xerar unha oferta de valor para o cliente”. Asemade, enumerou os seguintes desafíos a acometer: as novas necesidades tecnolóxicas derivadas do incremento das transaccións e os requirimentos de ciberseguridade, a creación dunha experiencia de cliente única para as diferentes canles dixitais e físicas (cun novo papel para a oficina bancaria) e a implantación dunha cultura innovadora que “xere unha nova forma de traballar nas organizacións”.
Sobre as actuacións concretas da compañía galega, Botas dixo que a entidade financeira “está a adoptar unha visión clientecéntrica para situarse como unha das bancas de referencia a través dun novo modelo de distribución omnicanle ao redor de diferentes canles como a oficina bancaria, a banca móbil, as oficinas a tempo parcial, as redes sociais, a banca electrónica, etc”. Ao fío disto, lembrou a implantación dunha nova axenda dixital baseada en tabletas Microsoft Surface con alta mobilidade e unha nova sistemática comercial que permiten un seguimento máis próximo. Ademais, a través da aplicación do Big Data, sinalou, Abanca “está a incrementar a súa capacidade para xestionar información, aproveitar fontes externas e explotar datos desestruturados”.
Polo que respecta á experiencia do cliente, recordou que a entidade galega dispón “da aplicación móbil de banca electrónica mellor valorada do mercado español por axilidade e prestacións” (estudo Mobile Banking Spain 2016) e avanza “cara á posibilidade de contratación 100% on-line dos seus produtos”. E engadiu: “A entidade dispón de solucións propias para retirar diñeiro ao instante sen necesidade de tarxeta nin transferencias (Abanca Cash) e enviar diñeiro axiña e doadamente de móbil a móbil sen número de conta (Abanca Pay)”. Ademais foi a segunda entidade europea en ofrecer o servizo de pago vía móbil Samsung Pay.
Fixo saber, por último, que a empresa investiu 82 millóns de euros en innovación e tecnoloxía. Ademais, dixo, o 40% dos clientes son usuarios dos servizos de banca electrónica, cun incremento de 8 puntos no último ano.

PUBLICIDADE