FreedomPop chega a España ofrecendo telefonía móbil de balde

martes, 12 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Levamos preto de tres meses agardando á chegada de FreedomPop a España, e finalmente está aquí o servizo de telefonía móbil que parte de tarifas completamente de balde e que destaca por incluír roaming en máis de 25 países, de xeito que pode resultar moi interesante probar este novo operador durante o verán.
Polo momento FreedomPop só ofrece números de teléfono novos (máis adiante confíase en que poida ofrecer portabilidades) e parte dunha tarifa básica de 0 euros/mes coa que ofrece 100 minutos de voz, 300 mensaxes de texto, 200 MB de datos e, como grande característica para o público español, WhatsApp ilimitados, ou sexa, que salta a neutralidade de rede para achegar unha oferta que para moitos usuarios equivale a ter as súas necesidades de comunicación cubertas totalmente de balde, aínda que esta tarifa o que busca principalmente é que os usuarios contraten algún bono de datos adicional.
Como oferta de lanzamento están a ofrecer de balde durante o primeiro mes a tarifa 2GB Premium, que inclúe minutos de voz ilimitados, mensaxes de texto ilimitadas, 2 GB de datos e WhatsApp ilimitados por 8,99 euros/mes; aínda que para moitos usuarios a oferta máis rechamante sería a de 15,99 euros/mes, xa que elevaría o volume de datos até os 5 GB, de xeito que sería unha oferta sen competencia no mercado español.
Para usar FreedomPop hai que empregar a súa tarxeta SIM en combinación cunha aplicación para iOS ou Android, aínda que cómpre salientar o feito de que podemos instalar a aplicación tamén outros dispositivos como tabletas para poder recibir chamadas e mensaxes de texto co noso número.
O servizo parece estar a experimentar problemas ante unha posible vaga de usuarios que pretenden darse de alta, pois durante as primeiras horas da mañá o formulario de alta non funcionaba correctamente (amosaba unha páxina en branco) e, no momento de escribir estas liñas, as opcións de contratación que ofrece corresponden a EE.UU. En cando a páxina web opere con normalidade procuraremos dar máis detalles.
ACTUALIZACIÓN (13-7-2016): O sistema de altas na páxina web de FreedomPop por fin funciona axeitadamente, e para poder facerse co servizo de balde (plan 200 Básico) é preciso pagar unha cota de activación de 9,99 euros e 1,99 euros para sufragar os gastos de envío da tarxeta SIM.

PUBLICIDADE