Freelancer chega a España para favorecer o contacto entre profesionais independentes e as PEME

xoves, 26 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Freelancer.com, a comunidade internacional dos profesionais independentes e as pequenas e medianas empresas (todos eles colaborando de xeito conxunto en proxectos puntuais que de outro xeito, cunha colaboración máis continua, dificilmente poderían darse), vén de chegar a España con web de seu. O seu obxectivo é contribuír a pór en marcha máis de 100.000 novos negocios en menos de 6 meses, unha meta a todas luces ambiciosa que tira moitos corpos de vantaxe con respecto ás aspiracións das iniciativas de pulo empresarial preparadas polas administracións. Segundo contan dende esta plataforma, a clave está en dar traballo á gran cantidade de persoas sen traballo que están dispostas a tomar a iniciativa e levar a cabo os seus proxectos. Neste senso, aclaran, Freelancer ten moito que dicir.
Freelancer acubilla arestora máis de 2 millóns de proxectos, sendo a clave do seu funcionamento pór en contacto a profesionais independentes e as PEME que teñen entre mans proxectos puntuais e de moi variada natureza pero que non contan cos recursos para contratar a unha traballadora ou traballador a xornada completa. O sitio web pon en contacto a máis de catro millóns de profesionais en todo o mundo para traballar en iniciativas de software (php, javascript, apps), redacción, promoción na Internet e nas redes sociais, vendas, deseño gráfico e de sitios web, bases de datos, contabilidade, servizos legais, enxeñaría ou ciencias, entre outros. Freelancer chega a España logo da publicación dun estudo complementario feito sobre a base de 15.000 españois no que se salienta que o 85% dos enquisados está “desilusionado coas iniciativas do goberno, os bancos e a Unión Europea para cambiar a situación económica que deberían actuar pola súa conta, crear novos negocios e traballar por conta propia para impulsar o medre da economía española”. Freelancer, para quen queira afondar nos obxectivos que amosa, tamén ten presenza en castelán nas redes sociais, en Facebook e Twitter.

PUBLICIDADE