GOG.com recupera os xogos clásicos de Lucasfilm

martes, 28 de outubro do 2014 Marcus Fernández

O popular servizo de videoxogos descargables para PC sen DRM, Goodl Old Games (GOG) está de festa, xa que estrea como editor a Disney Interactive, o que permitirá que máis de 20 videoxogos de Lucasfilm poidan gozarse en equipos informáticos modernos, o que é unha excelente oportunidade para recuperar vellos títulos de grande éxito no seu momento e que actualmente hai moitos atrancos para a súa recuperación (lembremos que moitos dos xogos se distribuían en diskettes, e os ordenadores actuais carecen de unidades para poder acceder a ese tipo de soporte, á vez que tamén resulta complicado correr xogos desa época nas versións actuais de Windows).
A estrea de Lucasfilm en GOG sáldase con media ducia de auténticos referentes dos seus xéneros, como son as estreas en formato descargable de Star Wars: X-Wing Special Edition, Star Wars: TIE Fighter Special Edition e Sam & Max Hit the Road (chegando este último para Windows, OS X e Linux); aos que acompañan títulos que xa puidemos ver noutras plataformas no pasado como The Secret of Monkey Island: Special Edition, Indiana Jones and the Fate of Atlantis (para Windows, OS X e Linux) e Star Wars: Knights of the Old Republic.
Destes novos lanzamentos, os títulos de X-Wing e TIE Fighter son posiblemente os mellor recibilos polo público, pois levan moitos anos fóra do mercado, e eran moitos os seareiros destes simuladores espaciais que poden agora adquirirse por 7,99 euros cada un, compartindo prezo con Knights of the Old Republic e The Secret of Monkey Island; mentres que Sam & Max e Indiana Jones and the Fate of Atlantis véndese por 4,79 euros.

Star Wars: X-Wing é un dos xogos máis agardados que hoxe se estrea en GOG

PUBLICIDADE