GPUL convoca este xoves aos seareiros do hardware libre nun novo HackLab de Impresión en 3D

mércores, 25 de marzo do 2015 Redacción

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL, vaille dar continuidade ao HackLab de Impresión en 3D que celebrou o pasado mes de outubro. A nova sesión, que amplifica e completa o acadado na primeira xeira, celébrase este xoves 26 no laboratorio 0.1w da Facultade de Informática da Coruña, das 17.00 horas en adiante. O obxectivo, novamente, é posibilitar un achegamento directo a unha realidade que nos colle de preto, queirámolo ou non: a rápida e ampla evolución do hardware libre nas nosas vidas. Desta evolución xorden precisamente as impresoras 3D e proxectos como Clone Wars, que documentan como crear a nosa propia impresora, sinalan dende GPUL.
A idea do HackLab deste xoves é a de “crear un grupo de traballo cooperativo de carácter aberto e fomentando a aprendizaxe autónoma e cooperativa de tódolos membros”. Segundo avanza a organización, é aconsellábel que os participantes na xornada que teñan unha impresora para montar acudan ao evento con ela, co fin de “aprendermos xuntos como funciona este ámbito de traballo”.
Como lembraremos, baixo o paraugas da impresión en 3D acubíllase un feixe de tecnoloxías emerxentes que implican a materialización de obxectos en tres dimensións mediante a impresión por superposición de capas sucesivas. E todo, en circunstancias normais, máis barato e eficaz que calquera outra tecnoloxía de fabricación por adición.

PUBLICIDADE