GPUL mergullará aos estudantes en software libre co seu novo Summer of Code

xoves, 26 de maio do 2016 Redacción

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) proseguirá este verán co seu importante traballo a prol da promoción e o desenvolvemento de software libre na nosa terra. Puidemos ver boa parte deste compromiso pola tecnoloxía sen cancelas nos GPUL Labs, segundo nos conta a organización “un éxito de participación e resultados”, con case medio milleiro de asistentes dando forma, nos diferentes obradoiros programados, á Galicia open source do futuro (a nosa terra como factoría colaborativa de ferramentas abertas). Agora GPUL recunca coa iniciativa GPUL Summer Of Code, un programa formativo que permitirá aos estudantes con arelas de “aprender e involucrarse en proxectos de software libre” desenvolver unha aplicación real, “made in Galicia”, coas máis modernas tecnoloxías. Tecnoloxías libres e co apoio e seguimento de GPUL.
Asemade, os alumnos disporán dun espazo de seu para traballar no despacho de GPUL na Facultade de Informática da UDC. Por outra banda, poderán recibir asesoramento para presentar o proxecto ao Concurso Universitario de Software Libre e ao Premio ao mellor TFG de Software Libre, amais de recibir unha retribución de 400 € mensuais durante os 3 meses de duración no tempo do programa.
Para formalizarmos a inscrición só é preciso enviar un correo á conta info@gpul.org, co currículo/LinkedIn, o expediente académico e a conta de GitHub ou un anaco de código que desenvolveramos previamente (a xeito de, por exemplo, práctica de carreira).
A intención de GPUL coa nova edición do seu Summer of Code é converter o programa nun referente a nivel local dentro da programación aberta, amais de animar a outras entidades a impulsar accións semellantes e crear, todos xuntos, unha cultura de desenvolvemento libre na comunidade galega.

PUBLICIDADE