Galaxia Tales e Galaxia Cómic, polo miúdo en Culturgal

mércores, 28 de novembro do 2012 Redacción

Dentro da longa listaxe de actividades que Editorial Galaxia ten prevista desenvolver durante a feira da cultura de galega da vindeira fin de semana, o salón Culturgal, cómpre salientar dous produtos relacionados coas novas tecnoloxías que o noso selo de publicacións cualifica de pioneiros e de altamente innovadores, non só a nivel galego, senón tamén estatal. Falamos por unha banda de Galaxia Tales, páxina web de contos interactivos en Rede, listos para ser visualizados e mercados dende calquera soporte que teña conexión a Internet. A páxina, que sen dúbida abre novos camiños para o achegamento da cultura á cidadanía (neste caso a cidadanía de menor idade), fornece contos en galego, castelán e inglés. Estes contos non só conteñen animacións, senón tamén música orixinal e locución nas tres linguas para que poidan ser gozadas de moitas maneiras.
Segundo informa Galaxia, os relatos nacen cun prezo simbólico de 2,42 euros e dende a web existe a posibilidade de, antes de mercar, visualizar aproximadamente un 20 por cento de cada conto.
O proxecto complétase con fondos de escritorio, láminas para colorear e extras relacionados cos autores, ilustradores e actrices de dobraxe que participan no proxecto. Neste intre, Galaxia Tales arrinca con dúas achegas: Unha sorpresa para Goruk de Daniel Landesa con ilustración de María Longa e Así comezaron as aventuras da Rosa dos Ventos e Xan Pericán de Joel Franz Rosell con ilustración de Luis Castro Enjamio.
Por outra banda, e insistindo nos produtos para iPad e iPhone nos que Editorial Galaxia leva traballando dende hai anos coa idea “de levar a presenza do galego ao terreo da modernidade”, segundo informa o noso selo, cómpre informar da presentación en Culturgal de Galaxia Cómic, unha aplicación en galego, castelán, inglés e coreano, que nos permitirá ler nas tablets e móbiles novelas gráficas e toda clase de produtos relacionados coa banda deseñada e que se ofrece cen por cen de balde.
A novela gráfica que se achega terá un prezo na Ap Store de 2,69 euros
En palabras do equipo responsábel de Galaxia, estamos ante “dúas propostas que deixan claro que se hai unha editorial en Galicia que aposta polas novas tecnoloxías da información é Galaxia, quen xa hai tempo experimentou con estes formatos co proxecto Contoplanet en colaboración con Perro Verde Films”.
E engaden, facendo fincapé nas colaboracións materializadas a través desta aposta TIC e do amplo potencial tecnolóxico e cultural que se extrae delas: “De novo, buscando alianzas, arrancamos Galaxia Cómic coa versión dixital de Nómades de Xosé Tomás dispoñible só para iOs e que é posible grazas a colaboración doutra empresa galega, Enxeño; e para o desenvolvemento tecnolóxico de Galaxia Tales contamos coa axuda doutra empresa galega, Imaxin”.