GalegoLab anima á comunidade internauta a apoiar a lingua a través dos seus proxectos

martes, 29 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A plataforma GalegoLab está a mobilizar estes días aos seus membros coa arela de impulsar os seus proxectos en fase de desenvolvemento. Cómpre lembrar que tanto estas iniciativas pendentes de pulo como as que xa están rematadas colleron corpo, precisamente, grazas ao labor conxunto da comunidade de integrantes de GalegoLab, plataforma que como xa temos informado en Código Cero dedícase a promover o galego dos xeitos máis innovadores e nos espazos onde máis se precisa. A comunidade conta arestora con 840 usuarios aos que cómpre engadir os 2.400 seareiros de Facebook e os 610 de Twitter. Os proxectos en marcha que GalegoLab vai impulsar son catro a día de hoxe. Un deles, a tradución de Twitter á nosa lingua, acadou xa todos os recursos precisos e está só á espera de que a dita rede social dea o visto bo para a incorporación de novas linguas a engadir ás que xa ten.

Para os outros tres proxectos, engade a comunidade, precísanse unha serie de detalles:

· En Galegogym (edición de música en galego para acabar dunha vez por todas coa teima de sintonizar con 40 Latino en todo ximnasio do país canto hai e apostar deste xeito pola música nosa) precísase a alguén que deseñara un cartaz publicitario e outra persoa que faga unha proposta de carátula para este CD co que facer fitness en galego.
· A Guía Branca (recurso web e en formato físico onde poder informarmos dos locais onde se fale na nosa lingua) precisa doutras vinte e tres persoas dispostas a enviar información sobre locais públicos e/ou comerciais onde atendan aos clientes en galego.

· Fútbol en galego, fútbol en galego (iniciativa para afianzar a lingua nun dos ámbitos onde máis brilla pola ausencia, debido sobre todo ao desleixo dos clubs) busca tres persoas dispostas a contactar con peñas deportivistas, oito persoas máis que repartan folletos por Riazor (ou pola Coruña en xeral) e intenta conseguir, ademais, 60 euros para imprimir folletos cos que iniciar unha campaña para lograr que o R. C. Deportivo da Coruña comece a empregar o idioma galego.

PUBLICIDADE