Galicia acada o segundo posto na clasificación de universidades a prol do software libre

xoves, 15 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

O obvervatorio PortalProgramas vén de publicar a súa acostumada clasificación sobre as institucións académicas superiores do Estado que máis se mollan pola programación aberta, unha clasificación na que, como lembraremos, os nosos sete campus teñen salientado e moito. Agora toca a terceira edición da listaxe, este Ranking de Universidades en Software Libre (RuSL 2014), e semella que a UVigo, a USC e a UDC seguen a ter un peso importante en materia de divulgación, impulso e adopción de ferramentas con código aberto.
De feito, a da Coruña ocupa o cuarto posto da listaxe, a de Santiago o sexto e a de Vigo o décimo. Todo un logro para as nosas institucións e un pulo importante para o software libre na nosa terra, software sen barreiras de licenza, especialmente acaído para núcleos emerxente de produción TIC (coma o noso) e para uns tempos de orzamentos limitados (os programas abertos implican en case tódolos casos menores custes).
Volvendo ao ranking en cuestión, dicir que se centra en amosar as universidades do ámbito estatal máis comprometidas co uso e a difusión deste tipo de programación informática. Este 2014 volve como vencedora a Universidade de Granada, seguida pola Universidade da Laguna (Tenerife) e a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria. A continuación e case de xeito sucesivo, veñen as tres universidades galegas. Por comunidades, a primeira clasificada é Illas Canarias, seguida de Galicia e Aragón.
Os ámbitos onde máis destacan as universidades en canto ao software libre son o asesoramento a empresas e administracións públicas, a implantación tecnolóxica do software libre nos programas dos centros e os plans de apoio do código aberto a nivel institucional.
O RuSL é un estudo realizado polo Observatorio Tecnolóxico PortalProgramas, que conta coa colaboración dun equipo expertos en software libre e responsábeis das principais universidades españolas (como Ricard Faura i Homedes, xefe de Servizo de Sociedade do Coñecemento na Dirección Xeral de Telecomunicacións e Sociedade da Información, Generalitat de Catalunya). Foron analizadas 76 universidades españolas baixo 65 criterios repartidos en 11 ámbitos diferentes.
O obxectivo do RuSL é “o de axudar na promoción do software libre na sociedade, facendo especial fincapé no apoio preciso por parte do sistema educativo”. Este ano ampliouse este estudo ás universidades de Estados Unidos, cuxos datos se atopan dispoñibles na páxina web do OsuR.
PortalProgramas.com (impulsores deste e máis estudos sobre software libre) é un portal web de guías e descargas de software multiplataforma, con 10 anos de experiencia e máis de 300 millóns de descargas realizadas.

PUBLICIDADE