Galicia e Extremadura unen forzas no eido da supercomputación

luns, 15 de febreiro do 2010 Raquel Noya

A Fundación Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), da Consellería de Economía e Industria e do CSIC, maila Fundación Computación e Tecnoloxías Avanzadas de Extremadura (COMPUTAEX), veñen de asinar un convenio de colaboración na área de supercomputación mediante o cal reforzan os acordos xa existentes entre ambas entidades para achegar un marco no que desenvolver as súas actividades de maneira conxunta.
Ambas institucións, que xestionan cadanseu supercomputador de gran capacidade de memoria compartida, o galego Finis Terrae, que xa coñecemos polos seus procesos de cálculo mundialmente recoñecidos no CESGA e o recentemente inaugurado LUSITANIA, do Centro Extremeño de Investigación, (CénitS), van poder extender e profundizar nas iniciativas que leven a cabo conxuntamente posto que estas infraestruturas de cómputo estratéxicas constitúen elementos fundamentais no apoio do desenvolvemento de programas de investigación e innovación tecnolóxica aplicada nas súas respectivas Autonomías e en España.
O acordo asinado hoxe contempla realizar accións específicas conxuntas para a utilización dos recursos de supercomputación para os usuarios dos dous centros nun futuro, así como para fomentar a mobilidade inter-centros de científicos e tecnólogos. Nesta fase xa se teñen fixado obxectivos compartidos como a elaboración dun plan de formación complementario ao dos centros; a realización de plans conxuntos de difusión e divulgación de Computación de Altas Prestacións (HPC); o establecemento dun plan de soporte aos usuarios como punto de partida para un futuro Grupo de Traballo Técnico inter-centros que optimice recursos e nivel de satisfacción dos usuarios; ou a elaboración do Plan de Mobilidade de investigadores e tecnólogos entre centros.
Pola súa banda, o CESGA, con 17 anos de traxectoria, ten como obxecto, segundo veñen de afirmar, “fomentar, difundir e prestar servizos de cálculo intensivo e comunicacións ás comunidades investigadoras galega e do Consello Superior de Investigacións Científicas, CSIC, así como a aquelas empresas ou institucións que o soliciten”. Finis Terrae o supercomputador xestionado polo CESGA ten sido recentemente incluído no Mapa de Instalacións Científico Tecnolóxico Singulares (ICTS) do Ministerio de Ciencia e Innovación, MCINN, por ser un sistema integrado por 144 nodos de memoria compartida e conta cun total de 20.000 GB de memoria principal, 390.000 Gb en disco e 2.580 procesadores Itanium.
COMPUTAEX, pola súa banda, ten como finalidade o desenvolvemento das tecnoloxías da información, o uso do cálculo intensivo e das comunicacións avanzadas como ferramentas para o desenvolvemento socioeconómico sustentable, estimulando a participación da sociedade civil, mobilizando os seus recursos e dedicando especial atención ás relacións de cooperación entre os centros de investigación públicos e privados e do sector produtivo.

PUBLICIDADE