Galicia e Portugal queren promover na Rede os camiños xacobeos lusos
venres, 26 de agosto do 2016
O Goberno
galego e o de Portugal promoverán un acordo de colaboración entre
os departamentos de Turismo de ambos gobernos. A través deste
acordo, o departamento galego achegará a súa experiencia para a
xestión das rutas xacobeas no territorio luso. Así o acordaron na
reunión que mantiveron na capital portuguesa o director do Xacobeo
(Rafael Sánchez) e a secretaria de Estado do Turismo de Portugal
(Ana Mendes). Nesta xuntanza tamén se sentaron os alicerces para
desenvolver accións de promoción conxunta en mercados turísticos
como EE.UU, Brasil ou China. Ademais, Turismo de Portugal amosou o
seu interese pola creación dunha páxina web específica sobre os
camiños de Santiago que atravesan o territorio portugués.
A páxina web
específica, sinalou Rafael Sánchez, estaría interconectada co
sitio na Internet de Turismo de Galicia caminodesantiago.gal
ao obxecto de ofrecer “unha visión unitaria da ruta xacobea
portuguesa”.
Con 35.616 peregrinos
ata o día de onte, o Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea
máis transitada no que vai de ano, unha vía que percorreron en todo
2015 un total de 43.151 peregrinos. Portugal foi o ano pasado o
quinto país en número de peregrinos, con 12.481 persoas que
realizaron o Camiño de Santiago.