Galicia supera por primeira vez a media estatal en uso de ordenador e Internet entre os 16 e os 44 anos

mércores, 21 de xaneiro do 2015 Redacción

A décimo quinta edición do informe La Sociedad de la Información en España, correspondente a 2014 e presentado hoxe por Telefónica nun acto que contou coa presenza do Ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, ao que acompañaron o presidente de Telefónica, César Alierta, e o vicepresidente executivo de Fundación Telefónica, Emilio Gilolmo.
Entre as conclusións do informe editado pola Fundación Telefónica podemos destacar que Galicia supera por primeira vez a media estatal en uso de ordenador e Internet no grupo de idade dos 26 a 44 anos e o 100% dos mozos de 16 a 24 anos navega pola Rede; máis do 72% dos fogares galegos dispón de ordenador e case un 70% de banda ancha; no ranking autonómico, as microempresas galegas sitúanse na primeira posición en dispoñibilidade de páxina web e na cuarta en participación en redes sociais, e practicamente a metade das empresas con 10 ou máis empregados conta con velocidades de conexión entre os 2 Mbps e 10 Mbps, superando así a media estatal (44,3%); o 12,4% destas compañías teñen contratada velocidades entre os 30 Mbps e 100 Mbps, igualando o valor medio estatal; e que Galicia despunta igualmente no emprego da Administración electrónica, situándose como a primeira comunidade en canto á interacción da cidadanía coas administracións públicas (72,6%).

Conectividade

Algúns indicadores da cidadanía na Sociedade da InformaciónSegundo o informe de 2014, as tendencias "futuras" que se presentaban en informes anteriores consolidáronse e intensificaron, producindo avances moi significativos na vida dixital dos cidadáns. Así, xa son 26,25 millóns de españois os que acceden regularmente a Internet, 1,45 millóns máis que en 2013.
Deles, 20,6 millóns conéctanse diariamente, é dicir, o 78% do total viven conectados. E por primeira vez, o 50% das persoas maiores, entre 55 e 64 anos, son usuarios intensivos que acceden diariamente a internet sendo a franxa de idade que máis creceu o pasado ano (8,6 puntos porcentuais).
A Banda Larga Móbil (BAM) continúa sendo a tecnoloxía clave no avance da Sociedade da Información. O acceso a Internet faise cada vez máis móbil, os terminais móbiles continúan gañando cota de mercado respecto ao dispositivo fixo e os servizos son cada vez máis utilizados en mobilidade. En 2014, 21,44 millóns de españois accederon a internet en mobilidade, 4 millóns máis que en 2013.
Por primeira vez, no segundo trimestre de 2014, a facturación da BAM superou a da Banda Ancha Fixa, reflectindo o auxe do acceso a internet en mobilidade.
En termos porcentuais, a fibra óptica é a tecnoloxía de acceso que máis creceu. Entre agosto de 2013 e agosto de 2014, o número de accesos FTTH aumentaron un 127% ata alcanzar os 1,1 millóns e xa representan máis do 10% da cota de mercado.

Correo instantáneo e redes sociais

O servizo estrela segue sendo o correo instantáneo. O seu uso creceu un 206% nos últimos dous anos ata alcanzar o 78% da poboación con teléfono móbil. Xa practicamente iguala á chamada ao móbil (utilizada polo 82%) como medio de comunicación con familiares e amigos. O correo instantáneo, a mensaxe a unha rede social e a comunicación en persoa son as tres canles preferidas para a comunicación con persoas do ámbito.
O uso das redes sociais aumentou tres puntos ata o 67,1%. A franxa de idade na que máis aumenta a porcentaxe de internautas que acceden ás redes sociais é a comprendida entre 45 e 54 anos, que pasou do 43,5 en 2013 ao 52,3% en 2014. Os que máis acceden ás redes sociais (91,3%) son os internautas entre os 16 e 24 anos, aínda que por primeira vez a porcentaxe caeu 3,3 puntos en relación a 2013.

Dispositivos

A aposta polo acceso en mobilidade fixo de España o líder europeo de penetración do smartphone. Nada menos que 4 de cada 5 teléfonos móbiles en España son intelixentes. En só dous anos, pasaron de representar o 63 ao 81% dos teléfonos móbiles en España. Iso non debe ensombrecer o importante crecemento do 68% da venda de tabletas en 2014.
E é que os españois fan un uso exhaustivo tanto das tabletas coma dos smartphone, como o proba o alto número de descargas de aplicacións para ambos os dous dispositivos. En España existen 23 millóns de usuarios activos de aplicacións móbiles que realiza 3,8 millóns de descargas diarias de aplicacións. De media, cada usuario de smartphone ten instaladas 39 aplicacións, por 33 dos usuarios de tabletas.
O dispositivo utilizado marca unha tendencia cara a que o uso do ordenador está máis vinculado a razóns profesionais, o smartphone úsase para a comunicación e a tableta para unha finalidade máis xeral.

Uso da Internet: como e para que

Un total de 14,9 millóns de persoas realizaron algunha compra a través de internet en 2014, dos cales 1,9 millóns o fixeron por primeira vez o pasado ano. Unha de cada tres visitas a tendas online prodúcese con dispositivos en mobilidade. O comercio electrónico sobe un 29,2% con respecto a un ano antes, mentres as vendas online españolas no exterior aumentan un 44,6%.
A ubicuidade e xeolocalización do terminal móbil está a producir unha converxencia coas redes sociais e o 74% dos compradores online confían nas redes sociais á hora de realizar compras.
A dixitalización da vida do cidadán continúa imparable. O maior crecemento estase a producir no acceso á rede por motivos de ocio, sobre todo entre os maiores de 45 anos, se ben tanto as razóns profesionais coma a comunicación con familiares e/ou amigos completan as razóns do uso dixital.
O gran crecemento do ocio explícase polo consumo de vídeo e polo feito de que os usuarios utilizan o smartphone e a tableta para acceder a contidos dende calquera lugar. Tan é así, que España se situou no liderado europeo no acceso a internet multiplataforma, cun 66%, por enriba mesmo de Estados Unidos.
O consumo de vídeo é un dos grandes catalizadores do acceso a internet e consolidouse a tendencia da demanda de servizos de vídeo multidispositivo acorde coa maior liberdade demandada polo usuario. Así, entre os máis novos (entre 14 e 19 anos), o medio máis utilizado para acceder a contido multimedia é xa o vídeo baixo demanda gratis cunha utilización por enriba do 90%, mentres que tan só o 73% usa a televisión en aberto e máis dun de cada catro accede á televisión en diferido.
Un dos aspectos máis valorados polos usuarios é a posibilidade de elixir o momento que se accede aos contidos. Tanto para os usuarios de pagamento como en aberto, a modalidade máis utilizada para acceder en diferido é a función de descargas/streaming de internet, cunha cota do 73 e 75% respectivamente. As películas e as series son os contidos máis comúns.
As amplas posibilidades de consumo de ocio no fogar disparáronse pola renovación dos televisores nos fogares españois, onde o 70,2% xa dispoñen de aparatos de alta definición e o 28,7% de Smart TV que implica a posibilidade de conexión a internet. De feito, España converteuse nun dos países con maior grao de penetración da Smart TV, por enriba de Alemaña (20%), Reino Unido (17%) e EEUU(16%), tras aumentar un 34% o pasado ano.
En educación regulada, España situouse á cabeza de Europa na introdución das TIC na aula como mostra os mellores ratios de número de estudantes de primaria por ordenador portátil conectado (5 en España fronte a 20 como media europea) e número de lousas dixitais por alumno de primaria (43 fronte a 111). Así mesmo, España é líder europeo na oferta de cursos online masivos e abertos (MOOC).
As Administracións tamén foron protagonistas da dixitalización da vida do cidadán, co que interactuar dunha forma máis rápida e eficaz. Así, o número de notificacións electrónicas enviadas a cidadáns e empresas pasou de 10,1 millóns en 2013 a 50 millóns en maio do pasado ano. De tal maneira que o 76,5% dos trámites realizados pola Administración Xeral do Estado foron por vía electrónica que calculou uns aforros para cidadáns e empresas en 2012 e 2103 de 31.000 millóns de euros.
Os trámites administrativos xa só son un dos motivos da comunicación entre cidadáns e Administración onde as redes sociais adquiriron un gran protagonismo. En 2014, o 49% dos cidadáns entre 16 e 74 anos interactuar coas autoridades públicas a través da Rede anticipando o obxectivo do 50% fixado para 2015 na Axenda Dixital Europea.


Vídeo promocional do informe publicado pola Fundación Telefónica

PUBLICIDADE