GaliciaTIC quece motores para a súa cita do 22 de setembro

venres, 29 de xullo do 2016 Redacción

Hai novidades respecto a GaliciaTIC, senlleiro e referencial evento galego sobre novas tecnoloxías da información que está a piques de chegar á súa 14 edición. Para comezar, GaliciaTIC estrea web, unha páxina centrada na xuntanza que non só achega novidades acerca da mesma (dun xeito claro, sinxelo e ceibe de atrancos visuais) senón tamén reflexión sobre o mundo dixital no que vivimos. Ademais, cómpre lembrar que este ano GaliciaTIC celébrase o 22 de setembro, á volta do verán, e que o vai facer nun emprazamento de gran significado tecnolóxico-dixital: o edificio CINC da Cidade da Cultura. Desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: Transformación dixital para unha competencia global. O gran obxectivo desta edición 2016 é, polo tanto, avaliar até que punto a revolución tecnolóxica que estamos a vivir pode mudar para sempre a sociedade e, por conseguinte, o tecido empresarial.
Segundo informa a organización a respecto do devandito, “hai estudos afirman que o 90% das organizacións recoñece a importancia de ter unha estratexia de transformación dixital”. Neste marco actual da nova era tecnolóxica, GaliciaTIC 2016 centrarase neste proceso de cambio, co obxectivo de fomentar “a competitividade e innovación do sector TIC e a transformación de terceiros sectores, achegando a Galicia conferencias e charlas temáticas específicas das últimas tendencias tecnolóxicas mundiais”.
Entre os patrocinadores confirmados do evento atópanse Banco Sabadell, Deloitte, Edisa, Emetel, Fujitsu, Imatia, Itelsis, Ayco, Qindel, Oracle e Televés. Haberá relatorios, mesas temáticas e actividades de achegamento ás últimas tendencias TIC mundiais. A inauguración do evento correrá a cargo (ás 9.30 horas do 22) de Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA.

PUBLICIDADE