GameTrailers bota o peche tras 13 anos

martes, 9 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Non hai dúbida no feito de que as revistas especializadas en videoxogos levan anos en crise por non publicarse nun soporte ao que están afeitos os mozos actuais, máis afíns á Internet e a un consumo de contidos máis inmediatos, o que levou a que na última década pechasen numerosas revistas de longa traxectoria, pero tal crise tamén afecta a medios en liña, pese a ser grandes innovadores como GameTrailers, compañía fundada en 2002 e que foi das primeiras en facer unha importante aposta polo vídeo na Internet para informar sobre videoxogos, adiantándose incluso á creación de YouTube, o que fora unha aposta moi decidida, que durante anos os situou nunha posición de grande prestixio, pero agora os fundamentos de GameTrailers xa non son un elemento que marque a diferenza, e a competencia medrou tanto que finalmente a compañía decidiu botar o peche tras 13 anos.
Actualmente YouTube e Twitch son uns competidores de grande peso para GameTrailers, e as audiencias tamén mudaron moito, estando afeitas a formatos de vídeo moi diferentes, aos que resulta complicado adaptarse (lembremos que fenómenos como os dos youtubers ou as retransmisións e partidas en vivo afástanse moito dos formatos audiovisuais tradicionais dos que bebía principalmente GameTrailers). Deste xeito, hoxe será o derradeiro día de vida deste proxecto audiovisual baseado na Internet que demostrou o poder do vídeo na Rede, pero non foi quen de manter o seu pulo nun mercado global extraordinariamente competitivo.

GameTrailers foi unha páxina web pioneira no vídeo na Internet sobre videoxogos, pero non conseguiu manter o seu pulo nos últimos anos

PUBLICIDADE