#Gastromeetconserva expón perante blogueiros de toda España as calidades das nosas conservas

luns, 5 de outubro do 2015 Redacción

A semana pasada, o venres 2, celebrouse no Espazo Mood de Madrid o evento blogueiro #Gastromeetconserva, organizado dende Vigo pola Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe e Marisco (ANFACO-CECOPESCA). A cita, na que se xuntaron algúns dos máis representativos bitacoreiros estatais sobre cuestións gastronómicas, interveu (facendo en vivo unha demostración nos fogóns e botando man de produtos do mar) Diego Gallegos, premio ao cociñeiro revelación 2015. Máis polo miúdo, o evento reuniu a representantes de blogs e portais de gastronomía tan referencias como Cocinaland, Diario de Gastronomía, El Comidista, Gastroactitud, Las Cosas del Comer, Gastronotas de Capel, Con el morro fino o Loleta, xunto a outros xornalistas gastronómicos.
Todos eles, informa ANFACO-CECOPESCA, tiveron ocasión de “coñecer as inmensas posibilidades que as conservas de peixes e mariscos ofrecen á cociña actual, a través dunha sesión de showcooking na que Diego Gallegos, propietario do restaurante malagueño Sollo e gañador do premio chef revelación 2015, puxo sobre os fogóns toda a súa creatividade e saber facer, con resultados espectaculares”. Xunto aos xornalistas e blogueiros, asistiron tamén Esperanza Orellana, subdirectora xeral de Promoción Alimentaria, e Aurora de Blas, subdirectora xeral de Economía Pesqueira, do MAGRAMA.
A xornada contou tamén cunha presentación do sector galego das conservas de produtos do mar e da acuicultura, a cargo de Juan M. Vieites, secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA, quen salientou “que a industria conserveira española é un referente internacional, cunha ampla e completa oferta de produtos e preparacións, ofrecendo aos consumidores uns produtos de contrastada calidade, avalada ademais por grandes expertos en gastronomía do panorama mundial”.
O evento #Gastromeetconserva dá continuidade ao encontro de bitacoreiros celebrado o ano pasado en Vigo, e reafirma a aposta de ANFACO-CECOPESCA pola comunicación 2.0 como estratexia para as conservas no ámbito da cociña de vangarda. Esta actividade enmárcase dentro da campaña de promoción das conservas de peixes e mariscos que ANFACO-CECOPESCA desenvolve durante o ano 2015 coa colaboración do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e o Fondo Europeo de Pesca.

PUBLICIDADE