GoPro prepara un accesorio para gravar vídeo esférico

xoves, 28 de maio do 2015 Marcus Fernández

Onte celebrouse a Code Conference, e nesta edición en vez de ser un dos directivos de Apple ou Microsoft o que captou a atención, destacou Nick Woodman, director xeral de GoPro, que aproveitou a sesión de preguntas de Kara Swisher para introducir un par de produtos futuros da súa compañía, comezando pola súa solución de vídeo esférico, que consiste nun accesorio que permite a montaxe de 6 cámaras GoPro Hero4 en distintas posicións para poder captar en 360 graos o que acontece ao seu redor, acomodando a experiencia de vídeo aos emerxentes contornos de realidade virtual.
Esta solución combina o accesorio físico con software desenvolvido por Kolor, compañía especializada en realidade virtual que GoPro mercou no mes de abril, e que tomando as imaxes capturadas polas cámaras GoPro consegue xerar unha imaxe esférica de 6K, que de xeito secuencial permitiría experiencias de vídeo envolvente que poderiamos gozar con sistemas como o de Oculus, o cartón de Google ou as HoloLens de Microsoft. Os vídeos incluso poderían verse no ordenador coa aplicación de Kolor ou no smartphone mediante YouTube 360, ou sexa, que son moitas as posibilidades que abriría esta tecnoloxía para achegarnos a realidade dun xeito máis inmersivo.
Woodman admite que non espera que a gravación de vídeo esférico vaia converterse nalgo masivo a curto prazo, pero con este produto inicial poderán introducir ao público e aos profesionales nas posibilidades desta tecnoloxía con grande potencial.
Pero este só sería o primeiro produto adiantado por Woodman, quen tamén recoñeceu que estaban a traballar nun cuadricóptero, ou sexa, que agora non só teremos drons equipados con cámaras GoPro, senón que a propia compañía GoPro competirá no mercado dos vehículos aéreos non tripulados, sen chegar a dar máis detalles sobre tal produto, agás o feito de que se comercializaría na primeira metade de 2016.

PUBLICIDADE