Gonzalo Sotelo, recoñecido nas Xornadas Penitenciarias Lucenses que comezan hoxe

luns, 26 de setembro do 2016 Redacción

Gonzalo Sotelo, responsábel da unidade de delitos tecnolóxicos da Gardia Civil de Pontevedra, nunha imaxe de G. Santos para El Faro de Vigo

Hoxe comezan en Lugo, no salón de actos da sede da Deputación, as XXX Xornadas Penitenciarias Lucenses organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal. No marco desta actividade, orientada este ano a informar ao detalle da problemática de Os menores e as novas tecnoloxías, entregaranse contra as 19.00 horas as medallas da asociación, dirixidas a salientar o importante labor social levado a cabo na nosa terra por entidades, colectivos e persoas. Entre as galardoadas atópanse a Fundación San Rosendo (polo seu labor de integración e participación a prol das persoas maiores e en risco de exclusión), o maxistrado José Antonio Vázquez Taín, a Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais (ALUME), a artista lucense Noemi Mazoy e a Fundación ALAR Galicia. Tamén se vai distinguir o importante labor levado a cabo por Gonzalo Sotelo, responsábel do Equipo de Investigación Tecnolóxica pertencente á Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra.
Sotelo, que dende 1999 dirixe a liña de investigación tecnolóxica con menores involucrados, participará tamén como relator.
As xornadas
As Xornadas Penitenciarias Lucenses desenvólvense os días 26, 27 e 28 de setembro baixo o epígrafe Os menores e as novas tecnoloxías. Segundo informa a asociación, “logo de trinta anos organizando estas xornadas, seguimos a procurar cuestións de actualidade que estean a xerar repercusión e interese social”, e para o presente ano decidiuse abordar o ámbito das novas ferramentas na nenez e na adolescencia, “entre outras cousas debido ao forte desenvolvemento teórico-práctico experimentado pola cuestión ao longo dos últimos anos, e debido tamén á gran dificultade que supón a súa detección e abordaxe”. A isto cómpre engadir a importante sensibilidade social que esperta este fenómeno e que afecta, en todos os niveis, a un meirande número de poboación no ámbito estatal, engade a entidade penitenciaria.
As xornadas están organizadas pola devandita asociación e contan para o seu desenvolvemento co apoio (financiamento) do Concello e a Deputación de Lugo.
Arrincan este luns 26 de setembro no salón de actos da sede da Deputación de Lugo, contándose coa presenza de Álvaro Santos Ramos, vicepresidente do organismo provincial. A continuación celebrarase a dita entrega de medallas e logo comeza a conferencia Os menores e os delitos informáticos a cargo de José Antonio Vázquez, maxistrado do Xulgado do Penal número 2 da Coruña. Presenta e modera Félix Mondelo Santos, decano do Colexio Provincial de Avogados de Lugo.
Ao día seguinte, 27, no mesmo escenario, celebrarase ás 19.30 horas a conferencia Prevención e loita contra os delitos informáticos: especial referencia aos menores. Será impartida por Gonzalo Sotelo, responsábel do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra. Presenta e modera Víctor Souto, capitán da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil de Lugo.
Xa no último día de actividades, o 28, desenvolverase a conferencia Metodoloxía Coaching: Medida de intervención eficaz con menores en risco. Virá da man de Fernando González Truque, director de Alar Galicia. Presenta e modera Óscar Piñes Penelas, director do Centro de Menores Santo Anxo de Rábade. A clausura das xornadas correrá a cargo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

PUBLICIDADE