SICON

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Google Buzz engade elementos sociais a Gmail

martes 9 de febreiro do 2010, por Marcus Fernández | | Compartir | |

Google aprendeu do éxito de Apple á hora de presentar os seus produtos, e organizou esta tarde unha presentación que puido seguirse en directo por todo o mundo en alta definición (ata 720p), conseguindo unha atención considerable que axuda a dar a coñecer Google Buzz, un novo servizo que vén de integrarse a Gmail, engadindo compoñentes de plataforma de redes sociais ao servizo de correo electrónico vía web de Google.
Google Buzz aparece como unha nova sección en Gmail dende a que consultar as actualizacións doutros usuarios e poder actualizar o noso estado dun xeito semellante a como fai Twitter ou Facebook, servindo non só para texto, senón tamén para compartir fotografías, novas, artigos…
O novo servizo irase activando paulatinamente para todos os usuarios de Gmail, sendo os primeiros en poder probalo os que o fagan a través de terminais móbiles coma os iPhone ou os móbiles con Android, e entre as súas características máis rechamantes estarían: auto-seguimento dos nosos contactos de Gmail, interface limpa e rápida (as actualizacións aparecen en tempo real), sistema de anotacións recomendadas (poderemos ver contidos recomendados polos nosos amigos aínda que fosen publicados por persoas que non coñezamos, e incluso procurará agochar contidos que a meirande parte dos nosos contactos estimen pouco axeitados),perfil público e privado (podemos compartir anotacións e contidos só cos nosos amigos), integración coa bandexa de entrada (quedando a nosa actividade en Buzz almacenada en Gmail) e, no caso de contar con xeolocalización, poder consultar anotacións en Buzz de usuarios que estean preto de nos (que incluso poden verse no mapa por proximidade).
Estamos así ante unha especie de fusión entre Twitter, Google Wave e Gmail, que ten o seu principal peso no inmensa masa de usuarios que actualmente goza dunha conta de Gmail, no que podería converterse nunha plataforma de redes sociais de seu, así coma un precursor do mencionado Google Wave (que na súa fase de probas non remata de atopar o seu sitio).
Aínda que dea a impresión de que Google Buzz é un competidor de Twitter, inicialmente poderiamos consideralo coma un complemento destas plataformas, pois facilita a lectura das anotacións neste servizo (aínda que polo momento non acepta a resposta directa aos tuiteos, o que podería solucionarse nas vindeiras semanas grazas á API público do novo servizo). Polo momento Buzz soporta Flickr, Twitter, Picasa, YouTube, Blogger e calquera información asociada aos perfís de Google.
Pero si existe un factor no que Buzz parece tomar a dianteira ás plataformas de redes sociais actuais, como é a xeolocalización, de xeito que os usuarios das versións móbiles de Google Buzz poderán marcar a súa posición ao publicar contidos, o que axudará a enriquecer a información en moitos casos. Amais, a versión móbil de Google.com amosa na súa cabeceira unha icona que serve de atallo a Buzz, dándolle unha importancia substancial ao servizo, que incluso está dispoñible mediante ordes de voz en móbiles con Android ou a través da aplicación de Google Mobile para o iPhone, facendo moi doada a publicación de anotacións.


Presentación de Google Buzz
 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS