Google España recibe a representantes da campaña Android en Galego

mércores, 20 de novembro do 2013 Marcus Fernández
JPEG - 72.9 KB
Representantes da campaña Android en Galego xuntáronse hoxe con representantes de Google</A>

A campaña para solicitar a Google a tradución de Android ao galego parece estar a colleitar os seus froitos, e hoxe tivo lugar a primeira xuntanza dos organizadores desta iniciativa con persoal de local da compañía de Mountain View, a quen se lle expuxo que o galego conta cunha comunidade lingüística con máis de 3 millóns de persoas, que os galegos estamos implicados na localización do software e na nosa presenza na Rede (destacando éxitos como a tradución de Twitter ou o dominio .gal), que o galego é unha das linguas máis empregadas na Internet e que moitos dos servizos de Google están dispoñibles na nosa lingua.
Dende Google amosáronse receptivos e comprometéronse á adoptar o galego nos seus servizos, asegurando que a nosa lingua xa figura entre os 60 idiomas prioritarios para eles, o que significa que para novos servizos a localización ao galego e relativamente rápida, pero acumulan certo retraso en produtos con máis anos (como Gmail e Android).
Dende Google España remitiron unha solicitude interna ao equipo de Android para que se introduza o galego en vindeiras versións do sistema operativo móbil, pero non concretan datas sobre cando será unha realidade o poder gozar de Android en galego, polo que seguirán coa recollida de adhesións á iniciativa para reivindicar o Android en galego, para remitirlle as sinaturas en xaneiro ás oficinas centrais de Google, medida que esperan que axude a que tomen en consideración a solicitude de Google España.

PUBLICIDADE