Google Fotos incorpora soporte de Live Photos

martes, 8 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Con iOS 9 e os iPhone 6s e 6s Plus chegaron as Live Photos, fotografías de 12 Mpíxeles que recollen o movemento e o son dos instantes anteriores e posteriores dándolles vida e facilitando gardar no móbil momentos inesquecibles, pero con certos problemas á hora de levalas fóra do smartphone, e para facilitar a súa conservación chega agora Google Fotos, servizo que vén de actualizar a súa aplicación para iOS de xeito que xa permite facer copias de seguridade e acceder a Live Photos, o que agradecerán especialmente os usuarios que non queiran ter que pagar por ampliar a capacidade de iCloud para facer copias de seguridade (xa que o servizo de Google ofrece almacenamento ilimitado de balde). Deste xeito os usuarios de dispositivos móbiles de Apple teñen un bo incentivo para apostar pola nube de Google pese aos atrancos que Apple pon ao uso de servizos de terceiros que poden funcionar en segundo plano.
A aplicación tamén axiliza a súa navegación e incorpora compatibilidade coa pantalla partida para iPad e iPad Pro.

PUBLICIDADE