Google convida a visitar Rio de Janeiro virtualmente

venres, 29 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Coa proximidade dos Xogos Olímpicos de Rio de Janeiro, dende Google lembran que xuntaron forzas con oito das principais institucións culturais da cidade brasileira para crear unha colección interactiva en liña dalgunhas da exposicións de arte e lugares de interese máis famosos da cidade, incluíndo algunhas inspiradoras historias da vida real que xorden das favelas da cidade, de xeito que dende o noso fogar poidamos visitar virtualmente a cidade.
Google Arts & Culture achéganos vistas panorámicas de 360 graos, unhas tres mil de imaxes de arquivos fotográficos e exposicións de arte, rutas de realidade virtual que poden verse cun cartón de Google e vídeos. Como exemplo temos a visita virtual ao Cristo Redentor na cima do monte de Corcovado, ou a consulta das obras do ilustrador de libros infantís Ziraldo; toda unha experiencia que podemos vivir dende o noso ordenador ou a través da aplicación de Google Arts & Culture para iOS e Android.

PUBLICIDADE