Google e Redegal desvelan en Ourense as novas tendencias en comercio electrónico

xoves, 11 de febreiro do 2016 Fernando Sarasketa

El Amine Bezankour, xestor de Contas de Google, na súa visita a Redegal

A empresa galega Redegal recibiu os días pasados a visita de Google nas súas dependencias de Ourense. A actividade desenvolveuse a xeito de evento formativo para directivos galegos e nela déronse cita algúns dos representantes das principais firmas da nosa terra co obxectivo de coñecer, de primeira man, recursos recentes para a mellora dos negocios impulsados por Google e máis por Redegal. Lembrar que a relación entre estas dúas compañías non é nova. Sen ir máis lonxe, o ano pasado a multinacional do buscador recoñeceu a Redegal como a mellor empresa estatal no eido do retorno de investimento publicitario.
Seguindo con distincións, recordar tamén que a Federación Galega de Empresarios Novos, AJE Galicia, vén de outorgar a Jorge Vázquez, director executivo de Redegal, o Premio Novo Empresario Galego 2015.
Volvendo á cita con Google na sede de Ourense, sinalar que ao longo do evento repasáronse as últimas tendencias de comercio en liña, o novo perfil de usuario destas ferramentas de ecommerce e as diferentes metodoloxías que se poden pór en práctica para afacer a nosa actividade empresarial a estes novos perfís. O encargado de achegar o punto de vista da multinacional do buscador foi El Amine Bezankour, xestor de contas para Google Partners, que lembrou que “os usuarios interactúan consciente ou inconscientemente unha media de 150 veces ao día co seu dispositivo intelixente”, o que achega unha serie de retos e desafíos importantes para as estratexias publicitarias das empresas (deben aproveitar a oportunidade que lles brindan os usuarios na súa relación cos smartphones, pero tamén cómpre que sexan quen che chamar a súa atención no medio dun fluxo continuo de datos e de funcionalidades).
O relator de Google tamén recordou os últimos datos proporcionados pola súa empresa a respecto das cousas que reclaman a atención dos potenciais compradores: “Un 73% dos usuarios din que o atributo máis importante cando seleccionan unha marca é ter información útil de maneira regular”.
Bezankour engadiu que preto “dun 40% dos usuarios abandonan unha web que tarda máis de 3 segundos en cargar”. Da importancia do desenvolvemento do comercio electrónico tamén falou Sheila Álvarez, responsábel de Contas en Redegal, quen sinalou que “toda boa técnica de mercadotecnia comeza e remata co público”.
Entre as novas tendencias destas promoción publicitaria na Rede, o mentor de Google, deu especial importancia á “segmentación multiproduto” e á plataforma de YouTube onde “o índice de recordo é un 31% maior ca en televisión”.
Segundo Gerardo Rodriguez, director de Operacións de Redegal, “o 87% dos consumidores investigan online antes de entrar nunha tenda e o smartphone convértese no novo asistente de compras”.

PUBLICIDADE