Google e a Cámara de Santiago impulsarán a carreira en liña das nosas empresas

xoves, 23 de xuño do 2016 Redacción

As empresas de Santiago e contorna teñen ao seu dispor novos recursos para impulsar a súa actividade, co engadido extra de provir estes recursos dunha compañía referente de Internet como é Google. Así nolo conta a Cámara de Comercio compostelá, que está a colaborar con Google para achegar ás firmas santiaguesas a plataforma Activa o teu Negocio. O obxectivo tanto da Cámara como do xigante buscador, é optimizar a presenza de participación en liña de pequenas e medianas empresas (PEME) a través da formación en competencias dixitais.
Activa o teu Negocio fornece formación gratuíta online e presencial en mercadotecnia dixital, amais de incluír casos prácticos e experiencias empresariais reais. Segundo informa a Cámara, o plan de aprendizaxe é práctico e, “tras un sinxelo diagnóstico”, adecúase ás necesidades específicas de cada empresa.
Para quen queira afondar nas vantaxes desta achega de ensino e tirarlle o máximo partido, dicirlle que o vindeiro día 30 de xuño a sede da Cámara (Rúa de San Pedro de Mezonzo, 44) acollerá un obradoiro presencial de 5 horas no que os asistentes poderán familiarizarse con todos os pasos a seguir para definiren e poñeren en marcha a estratexia dixital da súa empresa. A maiores disto, os participantes poderán acceder á formación en liña que abrangue 23 módulos con contidos creados por especialistas sobre presenza dixital, comercio electrónico, redes sociais ou buscadores, froito da colaboración de máis de 100 expertos en tecnoloxía e competencias dixitais de Europa e avalada por IAB Europe e IAB Spain.
Activa o teu Negocio completa a oferta de formación de Actívate, a iniciativa que Google lanzou hai dous anos para formar en competencias dixitais e emprendemento a mozos desempregados. Até o 31 de maio deste ano, os datos de participación en España ascenden a máis 118.000 mozos formados e supera os 476.000 rexistros nos distintos cursos presenciais e en liña que ofrece de balde o buscador.

PUBLICIDADE