Google estréase como Operador Móbil Virtual nos EE.UU.

mércores, 22 de abril do 2015 Marcus Fernández

Google presentou hoxe o seu proxecto Fi, un programa a través do que explorarán novas ideas para mellorar a experiencia da telefonía móbil, semellante ao que fan coa familia Nexus no contorno do hardware, e que bota a andar nos EE.UU. en colaboración cos grandes operadores Sprint e T-Mobile, así como con fabricantes de hardware e usuarios finais, para deseñar así unha tecnoloxía que permita que as comunicacións móbiles poidan ser aínda máis ubicuas e flexibles do que son actualmente.
A través de Project Fi será posible gozar de comunicacións móbiles de grande calidade, xa que esta plataforma comunicarase coa mellor rede posible en cada momento, de xeito que conectará coa rede 4G ou o punto de acceso Wi-Fi co que teñamos mellor cobertura (o sistema ten acceso a unha rede con máis dun millón de puntos de acceso Wi-Fi); e o uso de chamadas de voz e mensaxes de texto funcionaría indistintamente entre redes Wi-Fi e móbiles, e incluso poderían realizarse non só dende teléfonos, senón tamén a través de tabletas e ordenadores, xa que o número telefónico estaría na nube.

O servizo destaca polo seu xeito de cobrar o tráfico de datos: cobrará 10 dólares por cada GB (pero devolverá os cartos polos GB de datos pagados previamente e non consumidos)

O servizo bota a andar inicialmente a usuarios que reciban a correspondente invitación, e funcionará con terminais Nexus 6, que sería o primeiro smartphone en ser compatible co proxecto Fi. O prezo de lanzamento sería de 20 dólares/mes para chamadas e mensaxes de texto ilimitados nos EE.UU., tethering Wi-Fi e chamadas internacionais en máis de 120 países (cos prezos típicos das chamadas a través de Hangout), aos que habería que engadir 10 dólares por GB de datos móbiles. Temos así que os prezos non sería revolucionarios para un usuario ordinario, pero si resultarían moi interesantes para usuarios viaxeiros, que poderían gozar de datos ao citado prezo de 10 dólares cada GB (aínda que limitando a velocidade a 256 Kbps) e mensaxes de texto ilimitadas. Perfílase así un servizo que máis que competir en prezo, presenta unha oferta diferente, que posiblemente sigan o resto de operadores de telecomunicacións no futuro.


Vídeo de presentación do proxecto Fi

PUBLICIDADE