Google toma medidas contra os botóns de descarga fraudulentos

xoves, 4 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Os botóns de descarga enganosos buscan que o usuario prema sobre os mesmos para instalar malware no seu equipo

Google leva tempo contribuíndo á seguridade informática dos usuarios do seu buscador e do navegador web Chrome ofrecendo advertencias antes de visitar unha páxina web que pode conter algún tipo de malware que poidan afectar ao noso equipo, como os ataques de enxeñaría social (principalmente cando se suplanta a unha entidade de confianza) cada vez máis frecuentes como en páxinas web que simulan alertas de seguridade ou que presentan formularios nos que introducir as nosas credenciais (sen ser realmente a páxina web á que se corresponden). E para mellorar esta tecnoloxía de navegación segura incorporan agora a alerta ante botóns de descarga enganosos, ou sexa, que o sistema identifica os típicos anuncios que adoptan forma dunha xanela do noso navegador (ou un contido da páxina web que visitamos) instándonos a instalar unha actualización ou a instalar un engadido para reproducir un contido, cando na práctica agochan o acceso a malware.
Moitos dos anuncios enganosos detectados adoptan a estética da páxina web na que se integran de xeito que resulta case imposible identificalos, e precisamente por iso Google decidiu declararlles a guerra e, se algún dos seus usuarios de Chrome ou do seu buscador intenta visitar unha páxina que conte con estes tipos de contidos, recibirá antes unha alerta da inseguridade da páxina en cuestión, para que sexa consciente do risco se decide continuar a súa navegación.
Este tipo de medidas resultan moi efectivas, xa que reducen o tráfico das páxinas web afectadas de xeito substancial, o que fai que este tipo de prácticas fraudulentas perdan efectividade e así reduzan a súa incidencia.

Google protexe dos botóns de descarga enganosos con alertas moi rechamantes

PUBLICIDADE