Gordon Bell afonda na Web da súa experiencia de resumir a vida enteira nunha base de datos

xoves, 22 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Pódese resumir unha vida enteira nunha base de datos ou mesmo nun blog? Dicíalle eu recentemente a unha boa amiga blogueira que os cadernos virtuais son o rastro das cousas que lle pasan ás persoas: as súas viaxes, os seus intres de aburrimento no fogar e coa chuvia batendo forte nos cristais, o momento no que coñecen ó seu compañeiro/a e o momento en que se despiden del ou dela (un blog pode chegar a confundirse coa vida mesma, e é probable que haxa xente xa que viva en base a como a contaría no seu blog). Isto máis ou menos, pero ó grande e sen contemplacións, é o que vén de tentar facer o cidadán Gordon Bell, un médico e investigador e inglés vinculado á casa Microsoft: gravar a súa existencia nunha base de datos dixital e, en contra do que se poida pensar, non vai ser unha inmensa base, senón unha relativamente pequena caixa de 150 Gb. Vale: non está aí todo o máis senlleiro da traxectoria desta persoa, pero si que (nos seus propios termos) o máis significativo.
Todo isto e máis podemos velo nun artigo seu que é como unha declaración de intencións, publicado en Scientific American (recomendable para os que saiban inglés e, para os que non saiban, prégolles que non usen o tradutor de Google). O caso é que Gordon encamiña unha boa parte do texto a amosar que é posible resumir un ano no mundo en 18 Gb se suprimimos todo o que é banal. Isto significa que 1,1 TB abondaría para resumir 60 anos de vida. No Navegante, que onde se fala máis polo miúdo estes días do proxecto, especificase que, malia que o pareza, non é novo. De feito, xa o puxo en marcha o creador do hipertexto, Vannevar Bush nos anos corenta. Porén, o que non aclara ben Gordon é o que acontece cando a vida que levas é moito máis intensa en experiencias có do teu veciño. É dicir: non é o mesmo resumir 40 anos vendo Salsa rosa, Dolce vita e Teletenda bebendo cervexas no sofá que pasar esas catro décadas camiñando o mundo dun curruncho a outro e meténdote na pel dos outros.
En fin, a min todo isto lémbrame moito á película Eternal Sunshine of the Spotless Mind de Michel Gondry. Falo da xa mítica secuencia na que ó protagonista se lle pide nunha clínica de limpeza de memoria que colla todo o que teña pola casa que lle lembre á súa moza, á que está decidido a esquecer polo ben da súa saúde e a súa vida en xeral. Ó día seguinte volve á clínica cunha bolsa do lixo chea de cousas (figuriñas, agasallos miúdos, peites, cremas, afeites) e agarda na sala de espera con outros doentes con cadansúa bolsa ateigada de lembranzas, todos eles incómodos e ollándose con desconfianza.
Sexa como sexa, Gordon Bell segue adiante co seu proxecto, e xa van alá cinco anos de gravación continua de todo o que acontece ó seu arredor. A iniciativa, que está apoiada por Microsoft, baséase en rexistrar todo o que acontece ó seu arredor: sons, imaxes e mesmo arrecendos. Sen dúbida, unha vida para o futuro.

PUBLICIDADE