Gradiant achega con GLIK un sistema que proporciona intelixencia sobre marcas, produtos o servizos

venres, 27 de maio do 2016 Redacción

Gradiant achegou estes días datos clarificadores sobre GLIK, a súa ferramenta de análise de datos de redes sociais (Social Media Data Analytics). Trátase dunha tecnoloxía smart que proporciona información de valor sobre marcas, produtos e servizos. Entre outras cousas, informa Gradiant, revela datos clave de textos procedentes das redes redes sociais a través da agrupación de contidos en función da súa temática, a extracción de polaridade semántica (mensaxes positivas, negativas ou ben neutrais) e o achado da meta e do obxecto de interese (queixas, necesidades, recomendacións, bromas, adquisición) do usuario que publica. GLIK ten espazo propio na web de Gradiant onde podemos atopar máis claves sobre o seu funcionamento e alcance. Amais, hai un vídeo dispoñíbel no que se enumeran as vantaxes que poría en xogo para as empresas.
GLIK salienta por moitas características de seu, pero é especialmente sobranceira por atesourar unha alta precisión (os algoritmos de última xeración garanten máis dun 70% de eficacia e excelentes resultados en detección do sarcasmo), pola súa capacidade de adaptación (o sistema pode ser adestrado e adaptado a calquera escenario), por ser quen de analizar dotes en tempo real, e pola súa vertente multi-linguaxe (inglés e castelán, e en datas vindeiras francés, alemán e italiano).
Segundo informa Gradiant, GLIK é un bo exemplo de recurso con especial capacidade para extraer o gran da palla (o dato de valor entre a maré inxente de coñecemento). “As tecnoloxías como o Procesado de Linguaxe Natural”, explica o centro tecnolóxico, “son fundamentais á hora de atopar información con sentido de todos os datos que hai nas redes, novas tecnoloxías capaces de manexar e procesar grandes volumes de información, o chamado Big Data, tanto en tempo real como en batch, así como técnicas de Intelixencia Artificial e Machine Learning con poder para aprender e adaptarse de forma continua a unha información tan complexa e diversa”. Segundo engade Gradiant, GLIK é un exemplo salientábel de todo isto.
Na presentación dos novos datos de GLIK, o centro tecnolóxico galego reflicte un estudo recente de OBS Business School, no que se sinala que o Big Data e as tecnoloxías de Data Analytics son básicas a día de hoxe para as empresas. Neste informe dise que tres cuartos das organizacións enquisadas recoñecen o seu impacto na conta de resultados: o 72% obtivo en 2015 un 8% máis de beneficios e un 10% menos de perdas grazas a boas prácticas neste sentido. Ademais, un número cada vez maior de xestores utiliza técnicas de intelixencia de mercado para dotar de contexto á súa estratexia de negocio smart. Porén, sinala Gradiant, é preciso desenvolver un traballo axeitado e ben planificado para atopar o rendemento requirido. “Se ben todos datos son beneficiosos”, explica o centro tecnolóxico, “para que sexan de utilidade cómpre saber almacenalos, identificalos, clasificalos, interpretalos e por último aplicar neles unha capa de intelixencia que permita chegar a conclusións rendíbeis”. A este respecto, Gradiant vai alén da clásica imaxe da agulla no palleiro e nós tentando por todos medios atopala: “Neste caso, a imaxe máis acaída é a dunha soa agulla en 100.000 palleiros”.
O centro tecnolóxico tamén lembra que nos últimos dous anos xerouse máis información que en toda a historia da humanidade. Así, máis de dous mil millóns de persoas utilizan as redes sociais a diario no noso planeta, xerando información sobre os seus gustos, as súas afeccións, recomendacións, compras, tendencias. En definitiva, “un tesouro para calquera empresa”. O problema, neste senso, é que o 80% de todos estes datos están desordenados e desestruturados. Para Gradiant, xoga e xogará un papel importante neste senso a análise de sentimento, alicerce de GLIK. “A análise de sentimento é posíbelmente a ferramenta máis utilizada para a toma de decisións baseadas en datos das redes sociais”, explica o centro tecnolóxico, engadindo que “esta análise é o proceso de determinar e medir o ton, actitude, opinión ou estado emocional de respostas, decidindo se unha conversa ou opinión é positiva, negativa ou neutra”.

PUBLICIDADE