Gradiant achega recursos para acadar contornas cloud máis seguras e fiábeis

martes, 22 de abril do 2014 Redacción

A computación na nube é o abeiro comercial baixo o que se acubillan múltiples tecnoloxías e servizos que nos axudan a liberar procedementos no noso día a día profesional e empresarial, cousas como a propia computación ou o rexistro de información. Isto non só permite máis marxe de manobra para dedicarnos ao miolo da nosa iniciativa (deixando que sexan outros os que carreten a parte TIC) senón tamén máis eficacia. De feito, a través da nube é como se tirásemos abaixo os tabiques da nosa empresa para ter un despacho ubicuo e dispoñíbel en todas partes. Con todo, malia as moitas vantaxes da nube, fai falta máis e mellor seguridade. Así nolo contan dende o centro tecnolóxico Gradiant, que estes días está a desvelar detalles sobre Criptonube.
Criptonube é unha iniciativa de Gradiant e a Fundación Barrié para dar forma a unha serie de ferramentas que permitan manter a privacidade e a seguridade do procesamento de datos na nube. Dar coas fórmulas que aseguren un bo uso dos servizos cloud semella unha tarefa que non se pode deixar de lado, e máis tendo en conta o moito que medra cloud. Segundo informa o investigador Roco Escalera, a nube está sendo acollida rapidamente por moitas empresas debido ás vantaxes que supón: software nun único emprazamento (é máis doado de actualizar e permite acceder dende calquera lugar e dispositivo), prezo por uso (afórranse custes de equipamento, programas e mantemento) e ampla marxe de adaptación (escalabilidade) ás novas necesidades que poidan xurdir.
Por outra banda, o investigador de Gradiant lembra que a día de hoxe hai un interesante debate acerca do que supón este novo paradigma en termos de seguridade. No caso de computación nunha nube propia (cloud in-house), estariamos centralizando a nosa información facéndoa accesíbel por Internet, co que temos entre mans unha vulnerabilidade en potencia. No caso dunha nube externa, do que se trata é de migrar datos e aplicacións das nosas contornas locais cara a contornas controladas por outros, polo que entra en xogo “o problema engadido da desconfianza”.
Co fin de achegar métodos e recursos que poñan remedio a estes problemas, Gradiant e a Fundación Barrié están a desenvolver o proxecto Criptonube, que ten unha web de seu onde podemos obter todo tipo de información sobre as metodoloxías a pór en xogo e os obxectivos a perseguir. Máis en detalle, Criptobune introduce Hardware Secure Modules (HSM) na infraestrutura da nube, de xeito que as operacións con datos sensíbeis lévanse a cabo en contornas fisicamente seguras, con máis alta certificación de privacidade e garantindo que estes datos foron procesados nunha contorna inaccesíbel para persoas alleas ou ameazas potenciais, xa sexan externos ou internos ao provedor do servizo.

PUBLICIDADE