Gradiant e Everis destinarán dous millóns de euros para innovar a nosa saúde pola vía das TIC

xoves, 30 de outubro do 2014 Redacción

David Cortizo, o director xeral de Gradiant, nunha imaxe de Altantico.net

Na pasada edición da Noite Galega das Telecomunicacións advertiuse de que de aquí en adiante iase escoitar, e moito, falar de tecnoloxías e saúde. E sen necesidade de ollar lonxe, en boa medida porque todos os parámetros apuntan a unha tecnoloxía sanitaria galega en plena forma, tanto nas empresas como por suposto nos centros de investigación. Dito doutro xeito: hai un punto especialmente enriquecedor onde se xuntan os coidados médicos e as TIC. Precisamente, un centro tecnolóxico, o centro galego Gradiant, e unha empresa, a compañía Everis, veñen de anunciar un investimento conxunto de máis de dous millóns de euros para unha unidade mixta de investigación. O obxectivo? Fomentar a innovación sanitaria e xerar solucións para o sector da saúde na nosa terra, solucións baseadas nas TIC.
Segundo informa Gradiant, o proxecto foi seleccionado pola Axencia Galega de Innovación en réxime de concorrencia competitiva no marco de Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C). En concreto, o Goberno galego colabora neste proxecto cun investimento de máis de 640.000 euros.
Para o centro tecnolóxico, sen dúbida un dos puntos fortes da posta en marcha desta unidade mixta de investigación é que “abrangue a creación de emprego estábel e de calidade para profesionais de alta cualificación no sector sanitario das TIC por parte de ambas as organizacións”. Por outra banda, Gradiant tamén salienta que “favorecerá o desprazamento de enxeñeiros e técnicos especializados a Galicia”, e, igualmente, impulsará a “participación de empresas e centros de investigación de Galicia en proxectos tecnolóxicos para a saúde, cambio demográfico e benestar, dentro a estratexia europea de I+D+i (Horizonte 2020)”.
Segundo afirma David Vázquez Cortizo, director xeral de Gradiant, ao fío das implicacións e dos porqués desta iniciativa conxunta, “tanto a nós como a Everis únenos unha palabra: a innovación”. E engade que para ambas entidades, a innovación é “unha razón de ser e de traballar día tras día, por iso, pensamos que para transformar o modelo económico cara a un modelo intelixente, sustentábel e integrador baseado na innovación, debemos mellorar aínda máis a colaboración entre as empresas e os centros onde se orixina o coñecemento”.
Pola súa banda, Jesús Lage, socio responsábel de Everis en Galicia, sinala que “coa creación desta unidade mixta de investigación estamos a xerar un polo de atracción de coñecemento en eSaúde cara a Galicia”. Na súa opinión, tirando proveito do concepto de co-innovación, Gradiant e Everis non só “van ser pioneiros en Europa, senón que ademais converterán a nosa terra nun centro de exportación de solucións TIC para o ámbito dos coidados médicos a todo o mundo”.
A unidade mixta de innovación desenvolvida por Gradiant e Everis participa na estratexia de desenvolvemento de solucións de eSaúde da empresa, denominada ehCOS (Everis Health Clinical Open Solutions), e vertébrase sobre cinco eixos temáticos. O primeiro, denominado Smart Care Models (Modelo de Atención Intelixente) desenvolveuse “para crear solucións para a implantación de novos modelos asistenciais nas organizacións sanitarias con capacidade para responder aos novos retos demográficos, epidemiolóxicos e económicos a que se enfrontan os sistemas de saúde”, informa Everis.
En segundo lugar está o chamado Health User Experience (experiencia do usuario no sector da saúde), que xerará soluciones TIC ergonómicas, usábeis e accesíbeis orientadas a mellorar a experiencia dos profesionais sanitarios e os cidadáns e baseadas en metodoloxías de User Experience e no Design Thinking (Teoría do Deseño).
Coa iniciativa Clinical Decision Support (soporte á toma de decisións clínicas), a unidade mixta de de Gradiant e Everis deseñará solucións para apoiar aos profesionais na toma de decisións. Asemade, concorre no proxecto a tecnoloxía Patient Empowerment, unha suite de ferramentas para involucrar e dotar de autonomía aos doentes na elección de alternativas relacionadas co coidado da súa saúde.
Gradiant e Everis deseñaron a iniciativa Connected Health (saúde interconectada por TIC), un deseño de solucións e dispositivos que permiten “ofertar servizos innovadores aos cidadáns e pacientes baseados no uso de dispositivos de mobilidade, tecnoloxías weareables e sensores de ámbito persoal (glucómetros, básculas, termómetros)”.

PUBLICIDADE