Gradiant pon o Big Data ao alcance dos cidadáns para esculcaren con lupa os candidatos ás xerais

xoves, 23 de xuño do 2016 Redacción

O Centro Tecnolóxico Gradiant desenvolveu unha ferramenta que nos permite tirar o máximo partido do Big Data (empregando información masiva do xeito máis doado) co obxectivo de seguir en tempo real a campaña das eleccións xerais do 26 de xullo, os partidos e os seus candidatos. A idea, sinalan fontes do centro tecnolóxico, é por o coñecemento inxente e as súas posibilidades ao alcance de todo o mundo. E facelo a través de alto tan próximo e común estes días como é darmos conta do desenvolvemento dos comicios. Para axudar neste punto, os diarios da Editorial Prensa Ibérica (como as cabeceiras de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña en Galicia, La Nueva España en Asturias, ou o Diario Levante en Valencia), entre outras cabeceiras de todo o ámbito estatal, decidiron utilizar a ferramenta para a súa cobertura diaria das eleccións.
A tecnoloxía de Gradiant, nun plano máis concreto, permítenos valorar de xeito paralelo as reaccións dos cidadáns en Twitter e as enquisas de intención de voto ou de clima electoral no mundo real. Desta maneira, malia que a ferramenta non é aínda de utilidade para a pescuda da intención de voto de maneira “estatisticamente confiábel”, si que resulta unha ferramenta válida para saber que candidatos ou partidos provocan máis reaccións na segunda rede social máis empregada polos cidadáns españois, explica Gradiant, que salienta cousas como os interesantes resultados que achegan as comparacións das enquisas de popularidade de valoración dos candidatos co número de mencións e historias xeradas por eles en Twitter (os seus puntos de coincidencia e onde se afastan).
Segundo engaden os investigadores do centro tecnolóxico, grazas ás tecnoloxías de procesado da linguaxe natural Glik desenvolvidas en Gradiant, só se precisan dous minutos ao día para absorber o equivalente a 75 titulares (14 portadas de xornal), xerados a partir de máis de 950.000 artigos publicados en Twitter cada día, e procesados diariamente, sobre os catro candidatos principais á presidencia, e sobre os partidos que se presentan aos comicios xerais (61 formacións diferentes, en toda España).
Acerca do seu funcionamento, Glik é quen de ler por nós centos de milleiros de artigos e céntrase nos máis populares, xuntando todos aqueles que traten do mesmo nun conxunto ao que se vén chamando “historia”. Estas “historias” son grupos de artigos escritos por distintas persoas sobre un mesmo asunto e o seu principal beneficio, explica o centro tecnolóxico galego, é que “nos ceiba de ter que lermos milleiros de artigos semellantes que non achegan nova información”. Por ese motivo, ler as 75 historias que aparecen neste monitor electoral ten o mesmo valor informativo que se leramos máis de 100.000 chíos do Twitter, “pero co esforzo de lectura de tan só unha fracción destes”, salienta Gradiant, que tamén destaca o feito de que os algoritmos de Glik traballen en tempo real, “polo que podemos actualizar toda esta información de continuo”. Dito doutra maneira: sempre estaremos ao fío da actualidade con esta funcionalidade de Glik (a de facer seguimento da conversa social, unha entidade viva por natureza).
Por certo que forma na que Glik escolle as historias máis relevantes é absolutamente imparcial, non hai intervención humana máis aló de marcar o contexto sobre o que se quere traballar.

PUBLICIDADE