Gradiant, socio tecnolóxico para Innterconecta 2016

venres, 20 de maio do 2016 Redacción

Os pasados días puidemos asistir en Santiago, na Escola de Administración Pública, á presentación de Innterconecta 2016. Trátase da cuarta edición do programa FEDER, unha iniciativa enmarcada na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS 3) e no novo Plan de Actuación Xunta-CDTI, e cuxa finalidade básica é fomentar a cooperación en I+D mediante o desenvolvemento de novas tecnoloxías con proxección económica e comercial a nivel internacional. Novamente (igual que nas anteriores edicións), entre os participantes con meirande potencial de cooperación e transferencia atópase o noso Centro Tecnolóxico Gradiant, que ofrece a súa experiencia e as súas capacidades tecnolóxicas para a convocatoria 2016 de Innterconecta, que está dotada con 50 millóns de euros. O prazo de presentación de proxectos finaliza o 20 de xuño.
Segundo informa Gradiant, a nova convocatoria de axudas á I+D abriuse o pasado 29 de abril. O programa está xestionado polo CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial) e o seu obxectivo fundamental é “apoiar proxectos de desenvolvemento experimental en cooperación entre empresas”.
As axudas Innterconecta 2016 oscilan entre o millón e os 4 millóns de euros, segundo características do proxecto. Para Gradiant, estamos sen dúbida ante “a convocatoria de axudas a proxectos de I+D cooperativos coas mellores condicións, con porcentaxes de cobertura que van do 40% ao 60% en forma de subvención a fondo perdido, dependendo do tamaño de empresa”. Este ano, como dixemos, a edición vén dotada cunha partida de 50 millóns de Euros, a cargo de fondos de FEDER e do CDTI.
As comunidades e cidades autónomas que poden acceder ás axudas son as incluídas no Programa Operativo de Crecemento Intelixente 2014-2020, ou sexa Galicia, Andalucía, Canarias, Castela A Mancha, Estremadura, Murcia, Ceuta e Melilla. Serán financiábeis os proxectos que aborden un ou varios destes retos sociais, entre outros:
· Saúde, cambio demográfico e benestar.
· Seguridade e calidade alimentarias.
· Transporte intelixente, sustentábel e integrado.
· Cambios e innovacións sociais.
· Economía e sociedade dixital.
· Seguridade, protección e defensa.
O prazo para a presentación de solicitudes para a obtención de axudas do programa remata o vindeiro o 20 de xuño. Para máis información sobre Innterconecta, cómpre visitar a web habilitada polo Centro para Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial. A maiores, se o que queremos é obter máis información sobre como obter axudas concretas para a nosa empresa ao abeiro do programa, cómpre poñernos en contacto con Gradiant a través da conta mregueiro@gradiant.org.

PUBLICIDADE