Gran presenza das TIC entre as 70 firmas que optan ao premio empresarial da Deputación da Coruña

venres, 13 de xaneiro do 2017 Redacción

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín GonzálezA Deputación da Coruña convocou a primeira edición do Premio á mellor iniciativa empresarial, un recoñecemento que, como se indica no seu nome, vai dirixido a salientar e visualizar o traballo ben feito en materia de emprendemento e innovación no ámbito da provincia. Segundo salienta a entidade que preside Valentín González, rematado o prazo de presentación de candidaturas, un total de 70 firmas optan finalmente ao devandito galardón, unha boa parte delas pertencente ao sector das novas tecnoloxías da información. Segundo explicou o presidente da Deputación, do que se trata é de "recoñecer o traballo realizado polas pequenas empresas, autónomos e emprendedores comprometidos co desenvolvemento da provincia da Coruña”. O premio será de 50.000 euros e artéllase en dúas categorías.
A primeira modalidade (25.000 euros) está destinada a novas iniciativas empresariais, cunha traxectoria de menos de doce meses dende o inicio da súa actividade. Nesta modalidade concorren un total de 46 empresas. Na segunda categoría do galardón, tamén cunha dotación de 25.000 euros, participan dúas ducias de firmas e recoñecerase á mellor iniciativa consolidada, con máis de cinco anos de experiencia.
Segundo informa a Deputación, os eidos de actividade das aspirantes son “moi variados”, destacando “as empresas relacionadas coa aplicación das novas tecnoloxías da información e a comunicación e as dos sectores turístico, do transporte e do comercio, así como empresas especializadas do sector alimentario, en especial na produción e comercialización de produtos ecolóxicos”. Entre os criterios que se terán en conta para a concesión do premio figuran cuestións como o grao de innovación, a creatividade da idea de negocio, a creación de postos de traballo, a estratexia comercial e as perspectivas de medre, no caso das empresas con menos de 12 meses de existencia. No caso das consolidadas atenderase a parámetros relacionados co medre da facturación, a capacidade de espallamento alén da nosa terra, o grao de innovación, as boas prácticas de xestión empresarial e políticas de responsabilidade social corporativa ou a presenza feminina na empresa, entre outras cuestións.
A Deputación agarda facer público o fallo deste primeiro Premio á mellor iniciativa empresarial coruñesa durante o primeiro trimestre de 2017.

PUBLICIDADE