Grande éxito nas investigacións do proxecto GNUTEST do CITIC

xoves, 27 de xuño do 2013 Redacción

Hai case tres anos varios investigadores do CITIC iniciaron o proxecto GNUTEST que xiraba en torno a plataformas experimentais baseadas en GNU radio para Sistemas de Comunicacións e Localización, unha grande innovación que achegaría grandes novidades aos sistemas de radiocomunicacións SDR. A poucos meses da finalización do proxecto xa se alcanzaron moitos dos obxectivos formulados, o que supón todo un éxito para o equipo implicado.
O obxectivo do proxecto foi o desenvolvemento dunha arquitectura SDR baseada en GNU Radio coa que se desenvolveron unha serie de plataformas experimentais destinadas a avaliar a capa física dun estándar de banda estreita como DMR, a capa física dun estándar de banda ancha como WIMAX/LTE e as técnicas de posicionamento/localización baseadas en sistemas ad-hoc.

Principais vantaxes


A través de GNUTEST obtense unha importante redución de custos de desenvolvemento e como principal beneficio a adquisición de coñecemento tecnolóxico para aumentar a capacidade de innovación e competitividade das empresas. Trátase dunha plataforma aberta que permite a implantación de sistemas baseados en SDR e a diferenza doutras solucións, tamén parte do seu hardware presenta un deseño aberto.
As tecnoloxías que se están a desenvolver no marco deste proxecto permitirán mellorar as prestacións das técnicas de acceso radio e, como consecuencia, os servizos de comunicacións móbiles que soportan. Característica de suma importancia debido ao crecente papel das redes de comunicacións móbiles no tecido social e na actividade empresarial.
Entre as súas vantaxes máis destacadas encóntrase o seu baixo custo, o que unido ao conxunto de software aberto e moi flexible, permite implementar unha gran variedade de estándares, protocolos e case calquera sistema baseado en SDR.
Grazas ao desenvolvemento propio destes estándares, proporciónase unha gran liberdade para valorar as prestacións das técnicas propias que se desenvolven para comunicacións en diferentes situacións: canles de comunicación reais, múltiples antenas en transmisión e en recepción, técnicas de redución de interferencias... ademais, con anchos de banda pequenos, o uso de GNUTEST permite o desenvolvemento de solucións próximas ao mercado e que poden ser explotadas pola industria, achegando unha gran flexibilidade e control.

Axudas do Programa Sectorial de Investigación Aplicada SUMA I+D do Plan Galego de Investigación (10TIC003CT). Co financiado por:

PUBLICIDADE