Gravity Rush 2 sae á venda para PS4

mércores, 18 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

O prometedor xogo Gravity Rush 2, que estreou versión de demostración hai preto dun mes, por fin está dispoñible para a súa compra, de xeito que os usuarios de PlayStation 4 xa poden facerse con este xogo por 59,99 euros. Curiosamente non estamos ante unha saga nacida en consolas domésticas, senón que o primeiro Gravity Rush foi un dos xogos máis salientables de PS Vita, pero ante o fracaso da portátil de Sony optouse por facer unha remasterización para PS4 que mellorase as vendas do xogo e facilitase a súa continuidade.
Nesta ocasión serán Kat e Raven as que terán que facer fronte a vertixinosas misións, enfrontándose a monstros e outros inimigos e poñendo as leis da gravidade ao seu favor. Percorrerán escenarios e contornos cheos de vida coa estética que caracterizou ao xogo orixinal, salpicada de toques de manga e anime.
Estamos ante un título que, ao permitir a manipulación da gravidade, conta cun sistema de control peculiar, de xeito que tirará proveito dos sensores de movemento do mando DUALSHOCK 4, algo que poucos xogos fan, o que, xunto con moitos outros elementos constrúe unha aventura única que brilla especialmente entre os lanzamentos para PS4 deste mes.

Tráiler de lanzamento de Gravity Rush 2

PUBLICIDADE